sábado 29.02.2020

BNG pon na mesa as prioridades para activar o acordo de investidura de Pedro Sánchez acadado co PSOE

O Congreso acolleu esta cuarta feira a primeira xuntanza de nacionalistas e socialistas de seguimento do pacto. 
BNG pon na mesa as prioridades para activar o acordo de investidura de Pedro Sánchez acadado co PSOE

BNG e PSOE sentaron esta cuarta feira as bases para activar o cumprimento do seu acordo de investidura, fixando un calendario no que priorizaron a posta en marcha dalgunhas medidas que non requiren apoio orzamentario e fixérono sen que a formación que lidera Ana Pontón decidise aínda se apoiará o teito de gasto proposto polo Goberno, antesala dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE).

Así o explicou en rolda de prensa o deputado de BNG, Néstor Rego, após a reunión que mantivo no Congreso cunha delegación socialista encabeza pola portavoz e vicesecretaria xeral do partido, Adriana Lastra.

Rego sinalou que a reunión foi "satisfactoria" e que se produciron avances sobre o calendario co que van traballar co Goberno. Aínda que non falaron aínda do proxecto de orzamentos ambas as partes coincidiron na necesidade de manter aberto o diálogo para que poidan saír adiante, pero o BNG remarca que só os apoiará se os considera "bos", é dicir, se contemplar partidas para impulsar as medidas pactadas e para compensar "déficit histórico" que padece Galiza.

Neste contexto, Rego explicou que a súa formación aínda non decidiu se apoiará no Congreso os obxectivos de estabilidade e o teito de gasto que o Consello de Ministros aprobou este martes e que chegarán nas próximas semanas á Cámara.

Endesa e Alcoa

De momento, o que acordaron nacionalistas e socialistas é seguir buscando solucións ante a "crise industrial". Previsibelmente a próxima semana reunirase a mesa de traballo sobre o futuro da planta de Endesa nas Pontes, segundo comentou Rego.

Respecto ao estatuto da industria electrointensiva, o deputado asegurou que ve marxe para "melloralo" e que poida servir para dar unha solución á planta de Alcoa en San Cibrao.

Ademais, lembrou que o Goberno xa está a executar un estudo de tráfico na área urbana da AP-9 ao seu paso por Vigo para poder definir despois as actuacións necesarias para a liberalización do tramo entre esta cidade e Redondela. Para o resto de actuacións relativas a esta autoestrada, necesítase respaldo orzamentario.

Xulgados de violencia de xénero

Entre as súas prioridades, o PSOE e BNG fixaron tamén a modificación da Lei contra a Violencia de Xénero para adaptala ao Convenio de Istambul e incluír a violencia sexual. O seu acordo inclúe a apertura de tres xulgados especiais na Galiza e a súa idea é que o primeiro que se orce sexa en Lugo.

Tamén acordaron que se recuperen canto antes as horas de emisión de RTVE en réxime de desconexión para Galiza, e estudar na vindeiras semanas unha solución técnica para que se poidan ver e escoitar os medios portugueses no noso territorio.

Por último, respecto das transferencias pendentes, Rego sinalou que non ten sentido reunir á comisión encargada das mesmas antes da realización das eleccións fixadas para o 5 de abril, pero que haberá que facelo en canto se forme o novo Goberno na Galiza.

comentarios