As construtoras insisten na peaxe nas autovías

A Asociación de Empresas Construtoras e Concesionarias de Infraestruturas (Seopan) pon de novo sobre a mesa a proposta de instaurar peaxes nas autovías, pero desta vez multiplica por tres o custe do quilómetro. 
Vehículos fan cola para pagar nunha peaxe. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Vehículos fan cola para pagar nunha peaxe (Xunta).

Galiza conta entre as súas peculiaridades cunha rede de infraestruturas que non destaca precisamente pola súa eficiencia, a lo menos no económico. Cada ano, as galegas pagan millóns de euros en peaxes para se moveren polo territorio. Especialmente grave é o caso da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, pola que Audasa obtén beneficios millonarios ano tras ano. O Goberno comprometeuse co BNG a transferir este mesmo ano a titularidade da infraestrutura para, así, poder aplicar tamén rebaixas nas peaxes, que foron as que más incrementaron as súas tarifas co cambio de ano. 

Pero todos estes plans poden servir de pouco se as construtoras logran sacar adiante a súa proposta, que pasa polo cobro dunha peaxe por circular polos 14.130 quilómetros da rede de autovías do Estado español, cun prezo medio de 0,09 euros por quilómetro para os turismos, e 0,19 euros para camións.

Segundo as contas da Asociación de Empresas Construtoras e Concesionarias de Infraestruturas (Seopan), na que se integra Itínere, a matriz de Audasa, esta medida permitiría recadar 4.827 millóns de euros anuais por tráfico e 4.698 millóns adicionais en impostos, ademais de aforrar os 825 millóns de euros de fondos públicos que anualmente destina o Goberno español a manter as estradas.

A proposta presentada onte por Seopan multiplica por tres a contía a cobrar que propuxeran o pasado ano (0,03 euros por quilómetro para turismos e 0,14 para camións) con fin de manter as vías e construír infraestruturas verdes. Non se trata, pois, da primeira vez que as construtoras piden cobrar por circular polas autoestradas, unha cuestión sobre a que o Goberno de Pedro Sánchez ten pensado abrir o debate na procura dun consenso político e social para garantir a sustentabilidade futura destas infraestruturas.

Impacto na Galiza

De levarse a cabo a medida que promove Seopan, as galegas estarían entre as más afectadas. Autovías como a A-6 entre Arteixo e Madrid,  a A-8 entre Vilalba e Euskadi, ou a A-52 entre Vigo e Benavente son na actualidade vías libres de peaxe que facilitan a mobilidade das cidadás e cidadáns fóra das nosas fronteiras. 

Coa proposta da patronal, percorrer os 164,5 quilómetros da A-6 que atravesan o territorio galego tería un custo de 14,8 euros para os turismos e 31,25 euros no caso dos camións, unha medida que afectaría de cheo á competitividade de moitas empresas da Galiza. O mesmo acontece na A-8, onde o custo de percorrer os 87 quilómetros desde Vilalba a Ribadeo suporían un desembolso de 7,83 euros (16,53 euros no caso dos vehículos pesados), ou na A-52, na que habería que pagar 16,93 euros para chegar a terras zamoranas desde Vigo e 35,72 euros para os camións. 

Outras vías de titularidade do Estado español na Galiza son a A-54 entre Santiago e Lugo, pola que habería que pagar unha vez rematada, e sempre que prosperase a proposta de Seopan, 8,37 euros por turismo; a A-56 entre Ourense e Lugo, de 70,38 quilómetros de lonxitude que se traducirían en 6,33 euros de peaxes, e a A-55 entre Vigo e a fronteira portuguesa, na que as usuarias deberían aboar 2,7 euros en peaxes por percorrer os seus 30 quilómetros de trazado.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios