O prezo dos alimentos subirá 12% en 2023

O Banco de España revisa catro puntos á alza as previsións de inflación nos alimentos.
O director xeral de Economía e Estatística do Banco de España, Ángel Gavilán (Foto: Eduardo Briones / Europa Press).
photo_camera O director xeral de Economía e Estatística do Banco de España, Ángel Gavilán. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)

O Banco de España revisou á alza a súa previsión de inflación media dos alimentos para 2023, desde a taxa de 7,8% prognosticada o pasado mes de decembro á de 12,2% estimada esta cuarta feira, segundo explicou o director xeral de Economía e Estatística da entidade, Ángel Gavilán. No informe trimestral da economía estatal, a institución destacou que a inflación a comezos de 2023 estivo marcada pola medidas do Goberno español para conter a alza de prezos, como a redución do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) de determinados alimentos

O organismo calcula que en xaneiro esta rebaixa do IVE restou dúas décimas á inflación xeral. "Esto é coherente cunha translación de 90% aproximadamente da rebaixa impositiva aos prezos de consumo, que se mantén en febreiro", explicou Gavilán, que engadiu que "o prezo dos alimentos aínda non fixo pico".

Ao respecto, débese ter en conta que a contribución dos alimentos á taxa de inflación xeral no Estado español é algo maior que na media da zona euro, polo seu maior peso no cesto da compra (25,1% en 2022 fronte á taxa de 20,9% na zona do euro).

Para 2024, o Banco de España calcula que a media para a inflación dos alimentos situaríase en 4,6% fronte á taxa de 2,6% estimada no pasado informe, mentres que en 2025 alcanzaría 2,9% fronte ao índice de 3,3% previsto anteriormente.

Por outra parte, a supresión da bonificación universal aos carburantes sumou unhas sete décimas á inflación, segundo os cálculos da institución.  Ademais, o Banco de España percibe unha translación un pouco máis lenta que no pasado dos tipos de xuro de mercado ao custo das novas operacións bancarias.

Redución do consumo pola suba dos tipos de xuro

Con todo, prevé que o impacto da repunta de tipos de xuro sobre o custo medio da débeda do sector privado acentuarase nos próximos meses. A institución tamén advirte de que o incremento dos tipos incidirá negativamente sobre o consumo dos fogares. Neste sentido, esta cuarta feira o Euribor a 12 meses, de referencia para a maioría das hipotecas na Galiza, subiu até 3,468%.

Comentarios