O prezo da luz baixa 10% esta sexta feira

O prezo mínimo, de 70 euros, darase entre as 15 e as 16 horas, mentres que o prezo máximo rexistrarase entre as 19 e as 21 horas, cando será de 137,73 euros.
Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
photo_camera Segue a evolución do prezo da luz en Nós Diario. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista caerá esta sexta feira até os 104,89 euros por megawatt hora (MWh), o que supón un descenso de 10,01% respecto a os 116,56 euros/MWh desta quinta feira.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado almacenista (o denominado 'pool') situarase para esta sexta en 104,14 euros/MWh.

O prezo mínimo, de 70 euros, darase entre as 15 e as 16 horas, mentres que o prezo máximo rexistrarase entre as 19 e as 21 horas, cando será de 137,73 euros.

A este prezo do 'pool' súmase a compensación ás gasistas, que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada, que para esta sexta feira situarase en 0,75 euros/MWh.

Deste modo, nos seis primeiros días do ano 2023 o prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista sitúase en 102,13 euros/MWh, 127% maior que os 44,97 euros/MWh de media do últimos seis días de 2022, cando se rexistraron prezos inusualmente baixos debido á alta produción das enerxías renovábeis, sobre todo a eólica.

Con todo, o prezo medio entre o 1 e o 6 de xaneiro de 2023 é un 35,93% máis barato que os 159,42 euros/MWh do mesmo período de 2022.

Aplicación da 'Excepción Ibérica' 

En ausencia do mecanismo da 'Excepción Ibérica' para topar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da luz no Estado sería de media duns 135,59 euros/MWh, o que supón case 31 euros/MWh máis que coa compensación para os clientes da tarifa regulada, que pagarán así 22,6% menos de media.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'Excepción Ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade desde un prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais, e posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh ata a finalización da medida.

Comentarios