Fecha 2022, o ano co prezo medio da luz máis caro da historia

En 2022 tamén se rexistrou o mes co prezo medio máis caro de toda a serie histórica, en concreto, o pasado agosto, cando se alcanzaron os 307,8 euros/MWh de media.
2022 foi o ano co prezo da luz máis caro desde que hai rexistros (Foto: Nós Diario).
photo_camera 2022 foi o ano co prezo da luz máis caro desde que hai rexistros (Foto: Nós Diario).

O prezo da luz para a clientela de tarifa regulada vinculada ao mercado almacenista fechou 2022 en 209,4 euros por megawatt hora (MWh) de media, polo que se sitúa como o ano máis caro desde o comezo da serie histórica desde que hai datos dispoñíbeis, é dicirr desde 1998.

Con estas cifras, o prezo medio da luz en 2022 case duplicou os 111,93 euros/MWh de media que se rexistraron o ano pasado, que supuñan o anterior récord histórico.

En 2022 tamén se rexistrou o mes co prezo medio máis caro de toda a serie histórica, en concreto, o pasado agosto, cando se alcanzaron os 307,8 euros/MWh de media.

Así mesmo, o día co prezo media da luz máis caro nunca visto no Estado español foi o pasado 8 de marzo, con 544,98 euros/MWh.

Os motivos

O Goberno español esgrimiu varios posíbeis motivos polo alto prezo da luz ao longo de 2022.

Así, en agosto o prezo do gas natural alcanzou niveis máximos debido principalmente ao recorte de subministración por parte da compañía gasista rusa Gazprom a países como Alemaña, unha situación que desde Europa foi vista como unha ferramenta de presión para que a Unión Europea deixase de aplicar sancións a Rusia e tamén para que eliminase o seu apoio financeiro e armamentístico a Ucraína.

A iso uníronse outros factores, como a seca que tivo lugar o pasado verán e a falta de vento, polo que a produción das principais fontes de enerxía renovable reduciuse.

Comentarios