A inflación subxacente avanza desbocada e xa supera o IPC xeral: 6,9% na taxa interanual

O IPC subxacente é un indicador considerado máis preciso da situación real da economía polas persoas expertas por excluír os alimentos sen elaborar e os produtos enerxéticos e carburantes, máis volátiles.
Evolución da inflación nos 24 últimos meses con base no IPC xeral e o subxacente.
photo_camera Evolución da inflación nos 24 últimos meses con base no IPC xeral e o subxacente.

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu tres décimas en decembro en relación ao mes anterior e recortou un punto a súa taxa interanual, até ficar en 5,8%, a súa cifra máis baixa desde novembro de 2021, cando se situara en 5,5%, segundo o avance publicado esta sexta feira polo INE. Este dato de decembro, que deberá ser confirmado por Estatística a mediados do vindeiro mes, é cinco puntos inferior ao pico alcanzado o pasado mes de xullo, cando a inflación escalou até 10,8%, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984.

Así, coa moderación rexistrada en decembro, a inflación suma cinco meses consecutivos de descensos na súa taxa interanual, logo de que en agosto baixase tres décimas, até 10,5%; en setembro diminuíse 1,6 puntos, até 8,9%, en outubro caese 1,6 puntos, até 7,3%, e en novembro recortase medio punto a súa taxa interanual, até 6,8%.

Segundo o INE, a moderación do IPC interanual até 5,8% en decembro débese, principalmente, a que os prezos da electricidade soben menos que en decembro de 2021 e a que os carburantes rexistran un descenso maior que o do ano pasado.

Pola súa parte, destacan, malia que en sentido contrario, o vestido e calzado, cuxos prezos diminúen, pero menos que en decembro de 2021, así como o aumento dos prezos do tabaco e os alimentos elaborados.

Así as cousas, o INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en decembro subiu seis décimas, até 6,9%, situándose máis dun punto por riba do IPC xeral. En termos mensuais —decembro sobre novembro—, o IPC rexistrou un ascenso de tres décimas, fronte ao descenso dunha décima do mes anterior.

Do seu lado, no último mes de 2022, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 5,6%, máis dun punto inferior á rexistrada o mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada do IPCH foi de 0,1%.

O IPC subxacente é un indicador considerado máis preciso polas persoas expertas por excluír os alimentos sen elaborar e os produtos enerxéticos e carburantes, máis volátiles ao depender con máis forza de diversos factores vencellados á economía internacional, como está a acontecer coa guerra en Ucraína e o desmedido avance do prezo da enerxía.

O elevado rexistro da inflación subxacente deste decembro, xa por riba da xeral, manifesta que o incremento xeral dos prezos xa está a facerse notar dado que os produtores non poden conter máis o seu avance ao afrontaren cada vez un custo maior das materias primas. E é que a suba dos prezos non se repercute de inmediato en todos os sectores, senón de forma paulatina. Velaquí a relevancia do IPC subxacente.

Revisións salariais

O dato de IPC interanual de decembro utilízase nalgúns convenios como referencia para as revisións salariais. Aqueles convenios que conteñan unha cláusula de salvagarda para compensar a subida inicial do ano co IPC interanual de decembro terán que tomar como referencia a porcentaxe que o INE acabe confirmando o 13 de xaneiro, cando publique o dato definitivo.

Todo iso nun contexto no que desde o Goberno estatal e outros organismos nacionais e internacionais está a instarse os axentes sociais a que cheguen a un acordo sobre o pacto de rendas que marque unha senda de evolución dos salarios e das marxes empresariais nos próximos anos.

Comentarios