Política económica? Non á guerra
O 14 de outubro máis de 100 mil persoas ocuparon Bruxelas nunha manifestación que culminou a folga xeral que paralizou aeroportos, transporte público, ensino e empresas. Protestaban contra unha reforma que limita a prestación por desemprego e o acceso á xubilación anticipada; e contra a proposta do Goberno de anular a indexación dos salarios co IPC. Dous días antes aterrara en Bélxica o primeiro F-35 dos 11 cazas, de prezo unitario superior a 100 millóns de dólares, adquiridos á compañía Lockheed Martin. Bélxica xa posuía 34 unidades.
Ao tempo o goberno británico alertaba de que o país debe preparase para unha guerra no seu solo. A declaración referíase a Rusia, Irán, Corea do Norte e á "ameaza persistente e sofisticada" da China. Na Suíza neutral a prensa "informou" da posibilidade dun ataque ruso con mísiles balísticos. A campaña para persuadir as poboa-
cións europeas da necesidade de incrementar o gasto militar recrúa. A invasión de Ucraína, alén do cerco da OTAN, é unha agresión imperialista. Porén, magnifícase a capacidade militar rusa chegando a comparala coa da Alemaña nazi. Entre outubro de 1939 e 1942 esta ocupara Polonia, Noruega, Dinamarca, Francia, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo e unha grande área soviética até un total de 3,5 millóns de quilómetros cadrados. En case catro anos Rusia tomou uns 100 mil quilómetros cadrados, 30 veces menos.
Gasto militar
Existen razóns para nos opormos á propaganda das armas. Primeiro, o gasto militar europeo en armamento convencional e nuclear xa é superior ao ruso. Segundo, alimenta máis a industria estadounidense que a propia. Terceiro, responde a unha imposición de Trump; aceptala afasta o discurso político da UE da procura de soberanía proposta por Draghi. Cuarto, o influxo da propaganda militarista afianza un imaxinario reaccionario que facilita a identificación conservadora das poboacións europeas. Por último, a desculpa do gasto militar está a converterse no principal argumento para xustificar unha nova volta de porca na guerra de clases contra a maioría traballadora europea. Se a análise de Draghi fornecía unha panca para argumentar unha política favorábel ás clases traballadoras, a narración militarista xustifica a necesidade de sacrificios para os de abaixo.
En 2024, o gasto militar dos EUA multiplicou por oito o ruso, o dos membros europeos da OTAN cuadriplicouno e o da OTAN foi 12 veces superior
En 2024, o gasto militar estadounidense multiplicou por oito veces o ruso, o dos membros europeos da OTAN cuadriplicouno e o da OTAN foi 12 veces superior. De aumentar até 3,5% ou 5% do PIB o múltiplo sería 19 ou 27 veces. O gasto militar mundial ascende a 2,7 billóns de dólares. De a OTAN acadar 5% destinaría 3,4 billóns de dólares, superando en solitario o actual gasto global. A parte principal afluiría aos EUA que se beneficia de 43% das exportacións. Entre os 10 maiores fabricantes de armamentos, os cinco primeiros son estadounidenses: Lockeed Martin, RTX, Northrop Grumman, Boeing e General Dynamics. A presión de Trump, transmitida por Rutte e asumida polas elites gobernantes europeas habilita unha demanda acrecentada para a industria militar estadounidense. Trump impón un keynesianismo militar financiado por Europa.
Negociación colectiva
Mentres tanto, a UE renuncia a protexer unha das grandes conquistas civilizadoras da historia europea: o dereito á negociación colectiva das condicións de traballo. En Suecia Tesla négase a asinar un convenio colectivo que protexería 130 mecánicos. Organizados en IF Metall levan xa dous anos comprometidos nunha folga que podería ser a máis prolongada do continente. Unha vitoria sindical podería animar os 185 mil empregados da empresa a reclamar o dereito á sindicación e á negociación colectiva, incluíndo 11 mil que traballan en Alemaña. As elites gobernantes europeas sométense a Trump, o imperio, e Musk, o capitalista feudal.
11,3% dos traballadores europeos é pobre; 93 millóns de persoas viven en risco de pobreza ou exclusión social. A folga xeral belga, a resistencia dos mecánicos suecos, a determinación das traballadoras galegas do SAF apuntan a outra política económica favorábel ao dereito a vivir e a vivir unha vida digna.
O presidente do Instituto de Investigación pola Paz de Estocolmo recoñece que a "era da redución das armas nucleares semella ter finalizado" e reclama un acordo entre as tres principais potencias nucleares, EUA, Rusia e China, que nos protexa "contra o desastre".
Aceptar o rearme é inducir a subalternidade das clases traballadoras europeas. Unha campaña europea contra o aumento do gasto militar apuntaría a outra política económica e erguería unha voz contra o camiño cara a guerra e a destrución.