A pobreza enerxética pasa factura na Galiza: 1.956 mortes en 2023 por non poder ter a vivenda a unha temperatura adecuada

A pobreza enerxética agrávase na Galiza. A porcentaxe de familias que non poden manter a súa vivenda a unha "temperatura adecuada" abeira 20% (522.000 persoas, 140.000 máis en só 12 meses). No ano que vén de finalizar, o número de falecementos por "defecto de temperatura" abeirou os 2.000.
Cociña de gas nunha vivenda (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cociña de gas nunha vivenda. (Foto: Nós Diario).

A Asociación de Ciencias Ambientais define a pobreza enerxética como “a situación na que un fogar é incapaz de pagar unha cantidade de enerxía suficiente para a satisfacción das súas necesidades domésticas e/ou cando se ve obrigado a destinar unha parte excesiva dos seus ingresos para pagar a factura enerxética da súa vivenda”. Esta definición "amosa unha clara relación coa enerxía consumida e co confort de habitabilidade da vivenda. E o total da enerxía consumida depende, cando menos, de tres factores condicionantes: o prezo da enerxía, o nivel de ingresos da unidade doméstica e a eficiencia enerxética das vivendas", apunta a Nós Diario Rosa María Regueiro Ferreira, profesora de Economía Aplicada da Universidade de Compostela.

A Galiza rexistrou o ano pasado a cifra máis alta deste tipo de pobreza enerxética, con 19,4% da cidadanía sen capacidade para ter a súa vivenda a unha temperatura adecuada, case o dobre que o 9,6% de 2020 e tamén cinco puntos máis que antes da pandemia. En 2021 esa porcentaxe era de 13%, seis puntos menos. En termos absolutos, ese 19,4% son 522.000 persoas, o que supón 140.000 máis que o ano antes.

Estes datos vense corroborados por un recente estudo do Eixo Atlántico, publicado en outubro, que revela que na Galiza e no Norte de Portugal 20% dos cidadáns e das cidadás non pode pór a calefacción nos seus fogares. O Mapa de Cohesión do Sistema Urbano, que estuda as desigualdades existentes nos territorios da Eurrorexión Galiza-Norte de Portugal, sinala que esta porcentaxe increméntase nos fogares vulnerábeis. En concreto, 43% recoñece que “moitas veces non acenden a calefacción cando a necesitan”. Esta cifra contrasta coas das familias non vulnerábeis posto que só 13% delas condiciona o uso da calefacción ao prezo.

Falecementos

Entre o 1 de xaneiro e finais de decembro de 2023 a Galiza rexistrou 1.956 mortes atribuíbeis á temperatura, segundo o sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III, que recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade. Quer por exceso quer por defecto, a temperatura matou unha media de cinco galegos e galegas cada día. O mes con maior número de falecementos foi febreiro (874), seguido de marzo (407), dous meses nos que eses falecementos derivan do "defecto de temperaturas", é dicir, polo frío.

Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático, Saúde e Medio Ambiente Urbano do Instituto de Saúde Carlos III, explica que "a mortalidade que se atribúe á calor ou frío moi poucas veces é directamente por un golpe de calor ou frío".

O que realmente fai o frío ou a calor, explica, "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas". A consecuencia máis extrema dese agravamento é a morte. O feito de non poder ter a vivenda a unha temperatura adecuada é un dos factores que inflúen.

Pobreza

O nivel de ingresos nos fogares é, como sinalaba antes Regueiro Ferreira, un dos factores a ter en conta á hora de abordar a pobreza enerxética. Mais hai un colectivo que nin sequera está nese debate que é o das persoas sen fogar. Segundo os últimos datos da Enquisa ás persoas sen fogar do Instituto Nacional de Estatística (INE), con cifras relativas ao ano 2022, a Galiza dobrou a ratio de persoas que non tiñan unha morada respecto á do conxunto do Estado. Desta maneira, había na Galiza de media 165,7 persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes, un indicador que practicamente dobrou as 86,6 que arroxaba a estatística estatal.

A razón que forzou o abandono da vivenda da maioría das persoas sen fogar no caso da Galiza resultou a perda do traballo (23%), seguida do feito de ter que comezar de cero despois de emigrar (20,4%), de non poder pagar máis o aloxamento (17,2%) e do desafiuzamento da vivenda (9,3%). Ademais, a ratio galega ficou moi por encima da do País Valencià (14,8 persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes), da de Catalunya (42,6), da de Castela-A Mancha (45), así como da de Murcia (48,4).

Debate

Algo máis de 9.600 familias benefícianse na Galiza do bono social de electricidade, coñecido como 'bono térmico'. Unha cifra que desde organizacións e entidades de dereitos sociais e loita contra a pobreza consideran escasa. Este bono, creado polo Goberno estatal para compensar os gastos térmicos dos consumidores máis vulnerábeis polo uso da calefacción, cociña e auga quente; sufrágase conxuntamente coas comunidades, que son as encargadas de xestionalo.

Unha ferramenta que serviría para combater a pobreza enerxética é unha empresa pública de enerxía, suxestión que neste mes de decembro o Consello Económico  Social (CES) fixo á Xunta e esta desbotou.


En 2024 iranse retirando as baixadas de taxas na factura da luz

Ao longo de 2024, o Goberno español retirará as baixadas de impostos vinculadas coa electricidade e co gas natural que estaban vixentes, en moitos casos desde o verán de 2021, para facer fronte á crise de prezos no eido da enerxía. Así, retiraranse gradualmente a baixada do IVE da electricidade –que se reducira do 21% ao 5%–, do imposto sobre a produción eléctrica –do 7% e actualmente suspendido– e a eliminación do imposto especial eléctrico –agora 0,5% fronte ao 5,1%–. 

En concreto, no caso da electricidade, o IVE situarase no 10% durante todo 2024; o Imposto Especial da Electricidade (IEE) estará no 2,5% durante o primeiro trimestre e no 3,8% durante o segundo; e o Imposto sobre o Valor da Produción da Enerxía Eléctrica (Ivpee) terá un tipo do 3,5% até marzo, pasando a ter un 5,25% até xuño, segundo o Real Decreto-lei para a prórroga de varias das medidas temporais cuxa vixencia remataba o pasado 31 de decembro.

Alimentación

A supresión do IVE do 4% que se aplica a todos os alimentos de primeira necesidade –entre eles o pan, a fariña, o leite, os queixos ou os ovos– e a rebaixa do 10% ao 5% do aceite e a pasta manteranse durante a primeira metade do ano.

Comentarios