Planas defende que a Lei da Cadea Alimentaria "funciona"

O ministro ábrese a incrementar as inspeccións sobre o cumprimento da normativa.
O ministro de Agricultura, Luis Planas (Foto: Europa Press).
photo_camera O ministro de Agricultura, Luis Planas (Foto: Europa Press).

O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, asegurou esta cuarta feira durante a reunión do Observatorio da Cadea Alimentaria que a modificación da lei que prohibe as vendas a perdas "funciona", xa que logrou subir os prezos en orixe ás explotacións.

Ademais, animou as organizacións agrarias a denunciar ante a Axencia de información e control alimentarios (AICA) ou ante as autonomías as irregularidades que vexan para poder abrir investigacións.

Planas avogou por "fortalecer a aplicación" da Lei da Cadea a través dun maior esforzo nas inspeccións. Tamén explicou que o funcionamento da norma queda patente ao analizar o que pasou cos prezos en orixe que percibe o sector agrogandeiro.

"A súa evolución foi positiva", asegurou na reunión, onde estaban representados o sector agrogandeiro, o da pesca, a industria, a distribución, as usuarias, a Administración xeral do Estado e as autonomías.

Porén, denunciou esta semana Facua, que segundo a información da AICA, das 195 sancións que impuxo a Axencia desde a posta en marcha da modificación da Lei da Cadea, ningunha delas se realizou pola venda a perdas.

O ministro recoñeceu que hai situacións comerciais moi diversas nas que de forma puntual si houbo dificultades na aplicación desta norma. Ao respecto, apuntou que xa se traballa para aumentar as inspeccións relativas ao cumprimento, con máis análise das relacións comerciais das empresas cos seus provedores.

Protestas do agro

Esta reunión do observatorio deuse no contexto das protestas do sector agrogandeiro, que teñen, entre as súas principais reivindicacións, o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria. Neste sentido, Agromuralla fixo esta cuarta feira un chamamento a bloquear hoxe os accesos da cidade da Coruña nunha manifestación que rematará ante a sede da Delegación do Goberno estatal.

Cotas de peixe

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso estatal, Néstor Rego, denunciou esta cuarta feira os recortes de cotas na pesca de abadexo, que supoñen, dixo, "un auténtico mazazo para as frotas de baixura de Ribeira [O Barbanza], Fisterra [comarca homónima], Malpica [Bergantiños], A Coruña [comarca homónima], Burela  [A Mariña] ou Vigo [comarca homónima]". Ademais, censurou que "o Ministerio non tivera en conta as alegacións do sector".

Comentarios