96% dos proxectos de hidróxeno galegos fican fóra do reparto de fondos estatais

Houbo que agardar á terceira convocatoria de axudas ao hidróxeno verde para que tres proxectos presentados desde a Galiza recibiran financiamento a cargo do programa Next Generation. Porén, arredor de 65 deles carecen de axudas públicas, sendo a Galiza un dos territorios máis prexudicados de todo o Estado.
A ministra Teresa Ribera presentou en decembro de 2021 o Perte de enerxías renovábeis e hidróxeno verde (Foto: Europa Press).
photo_camera A ministra Teresa Ribera presentou en decembro de 2021 o Perte de enerxías renovábeis e hidróxeno verde (Foto: Europa Press).

Neste mes de decembro saíu á luz a orde do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, pola que se resolven as dúas primeiras liñas de axuda para o impulso do hidróxeno verde, recollidos dentro dos programas 'Pioneros' e 'Cadenas de Valor' dos Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) desta tecnoloxía de almacenamento enerxético.

As axudas aprobadas polo IDAE a cargo destas dúas liñas do Perte do hidróxeno alcanzan os 250 millóns de euros, resultando beneficiados 29 proxectos no conxunto do Estado. A estas 29 iniciativas débense sumar outras sete, aprobadas pola Comisión Europea o pasado 22 de setembro. Porén, ningunha destas últimas estaban emprazadas no país.
A Galiza recibiu un total de 31,7 millóns para desenvolver tres iniciativas no ámbito do hidróxeno verde. 24 millóns van dirixidos a unha planta impulsada nas Pontes pola chinesa EDP e a galega Reganosa, que pretenden erguer unha factoría cunha potencia inicial de 20 megawatts, que aspira a superar 100 megawatts a partir de 2030. 

O proxecto, onde participa Siemens como parceiro tecnolóxico, agarda producir 14.000 toneladas de hidróxeno verde e contempla un investimento total de 150 millóns de euros. Neste caso, a proposta viuse favorecida por localizarse nunha zona de transición enerxética xusta. Porén, enfronta a ausencia de capacidade de evacuación ao suprimir Rede Eléctrica Española (REE) a prevista para a central de Endesa.

Proxecto en Caldas

Iberdrola e Foresa, filial química do grupo Finsa, conseguiron 5,2 millóns de euros para a súa factoría de metanol verde no concello de Caldas de Reis. O investimento total do proxecto é de 40 millóns de euros e está prevista unha produción de metanol de 2.900 toneladas anuais, parte da cal se destinará ao consumo da propia factoría de Foresa.

O Porto de Vigo, en parcería con 12 pequenas e medianas empresas (Pemes) da zona, conseguiu 2,5 millóns de euros para instalar unha planta de hidróxeno verde na terminal de carga de Bouzas. Segundo os promotores, “permitirá dispor non só da primeira estación pública da Galiza de hidróxeno verde, senón tamén empregar este combustíbel na mobilidade terrestre, marítima e industrial”. 

Máis de 60 proxectos de hidróxeno verde presentados desde a Galiza agardan por axudas públicas para continuar adiante. Segundo os datos da Consellaría de Economía, en xaneiro de 2022 estaban en proxecto 72 plantas no país, ligadas a máis de 50 promotores diferentes e cun papel preponderante das grandes compañías enerxéticas con sede fiscal en Madrid. 

O IDAE xa desestimou financiar algunhas das propostas formuladas neste ámbito. Así, o instituto público non admitiu o proxecto presentado por Naturgy para Meirama, en Cerceda, onde promovía unha planta de hidróxeno de 50 megawatts. Outro tanto aconteceu cunha instalación desta compañía, coa mesma potencia instalada, a emprazar no Porriño dentro do Clúster da Función Loxística da Galiza no Porriño.

Reparto das axudas

A Galiza saíu prexudicada nas liñas de axuda ao hidróxeno verde resoltas até o momento. Así, un traballo elaborado polo colectivo de debate enerxético Bidán sinala que 33% das axudas acaparounas Andalucía, 15% Asturias, 12% Galiza, 11% Catalunya, 10% Castela-A Mancha, 8% Aragón, 7% País Valencià, 1% Nafarroa e outro 1% Castela e León.

Un dos voceiros do colectivo, Quico da Silva, sinala a Nós Diario que “Galiza resulta prexudicada porque as axudas recibidas para o impulso ao hidróxeno verde son moi inferiores á súa capacidade de xeración de enerxía renovábel, ao que está necesariamente asociada a produción do hidróxeno”.

Lembra “as ducias de proxectos impulsados desde a Galiza que non reciben ningunha axuda, mesmo algúns en áreas de transición enerxética xusta”. Nesta liña, tense apuntado que a multinacional Maersk estuda de Meirama para instalar a súa factoría de biometanol no país.   

Á espera de Maersk

Fican aínda dúas liñas de axuda por formalizar do Perte do hidróxeno. Porén, as tres primeiras convocatorias presentan Galiza como gran derrotada neste proceso. Neste sentido, destaca a exclusión planta de Naturgy para Meirama (Cerceda) e está por ver o alcance que terá o proxecto de Maersk.

Comentarios