Algunhas entidades non están a ser convidadas ás reunións da Xunta

Críticas desde a hostalaría ao comité clínico e peticións de rescate e indemnizacións

A situación da hostalaría galega, lonxe de solucionarse, é cada día máis preocupante. A Xunta reúnese cunha parte do sector mentres as críticas á súa xestión, e á doutras administracións, aumentan. Sete membros de Hoempo iniciaron unha marcha a pé a Madrid denunciando a súa problemática.
Manifestación en Pontevedra da hostalaría deste concello, Poio e Marín. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Manifestación en Pontevedra da hostalaría deste concello, Poio e Marín. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

A hostalaría segue indignada polas medidas que están a tomar os Gobernos español e galego en relación ao seu sector. Denuncian falta de solucións a unha situación que consideran crítica. Un dos epicentros deste malestar estivo en Pontevedra no día de hoxe, onde tivo lugar un encontro entre unha parte da representación deste sector co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Algunhas entidades, como Hostalaría Compostela, aseguran que non recibiron ningún convite para este encontro ao que tampouco asistiu a propia asociación de Hostaleiras e Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín (Hoempo). "Non hai ningún acordo co sector, reúnense só coas entidades que lles interesa", denuncia o voceiro de Hostalaría Compostela, Lois Lopes. "Pódense reunir con quen queian, mais non poden dicir que é coa representación de todo o sector", indica a Nós Diario.

Desde o lugar da xuntanza en Pontevedra, o edificio administrativo da Xunta, en Campolongo, partiu unha manifestación convocada por Hoempo. A súa secretaria, Helena Vitoria, explicaba que desde o Goberno galego "non se nos dan solucións, só pon parches". 

Denuncia en declaracións a Nós Diario que as axudas que puxo en marcha o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "teñen letra pequena e volta de folla". Destaca como exemplo as cantidades que figuran nas súas bases. "Como se pode soster unha empresa cunha axuda de 4.000 euros cando os gastos mensuais son de 24.000 euros ao mes?", pregúntase. Por este motivo é directa ao sentenciar que "o único que nos pode sacar da merda é o rescate do sector". Explica que poucas persoas da hostalaría pediron estas axudas por quedar fóra delas e das que as pediron non coñece ningunha que as recibira. 

Críticas ao comité e indemnizacións

Desde Hoempo afirman que non comparten os criterios que emprega a Xunta en relación ao trato que se lle dá a bares, cafetarías, restaurantes e pubs. "Estou segura de que non hai ningún hostaleiro nese comité", afirma Vitoria, "creo que non consideran que a economía tamén é saúde", engade. A sensación que teñen nesta asociación é que "nos afunden cuns criterios que non son técnicos" e remiten a un estudo do Ministerio de Sanidade publicado no mes de outubro "no que se dicía que a hostalaría non contaxia, e unha proba diso é que logo do noso fechamento a curva non se dobregou". 

Polo seu lado, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo sumouse ás críticas do sector unha vez constatado que os ingresos destes días de apertura foron moi baixos. Cheché Real, o seu presidente, insistiu en reclamar "indemnizacións" e "non rescates" aos gobernos polo fechamento decretado durante un mes. As razóns que incidiron para que isto acontecera, segundo explica, foron "as porcentaxes coas que poden abrir", que son de 30% no interior e 50% en terrazas.

Compostela aproba as bases de axudas

O concello de Santiago, polo seu lado, aprobou no día de hoxe as bases que regularán a convocatoria de axudas directas á hostalaría, ao comercio e ao sector cultural. O importe da primeira axuda será de 1,6 millóns de euros para financiar o gasto corrente de negocios de hostalaría e restauración. As cantidades serán dun mínimo de 1.000 euros e un máximo de 3.000 para o ocio nocturno. O resto de negocios terán un tope máximo de 2.500 euros. 

Desde a asociación Hostalaría Compostela agardan "que as poidan alcanzar todos os solicitantes e, de non ser así, o alcalde comprometeuse a revisalo para outras posíbeis convocatorias". Non obstante, cren que "estas axudas non son suficientes pero supón un alivio". Lois Lopes indica que "as axudas non son unha solución, só serven para ir tirando" polo que cre que o mellor sería "marcar unhas pautas necesarias para manter un equilibrio entre o traballo e a saúde". En todo caso, salienta que son moito máis xenerosas que as do Goberno galego, "que destina 19 millóns de euros para toda a hostalaría da Galiza". 

Comentarios