A hostalaría de Pontevedra inicia unha andaina até o Congreso para pedir o “rescate”

Na marcha participa unha representación do sector que agarda chegar a Madrid o 21 de decembro. Solicitan solidariedade para comer e durmir nestas dúas semanas de ruta.

Inicio da marcha de hostaleiras e hostaleiros en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Inicio da marcha de hostaleiras e hostaleiros en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

Unha manifestación esta mañá deu comezo á marcha dun grupo de hostaleiras e hostaleiros que camiñarán até Madrid para exixir ao Congreso que acometa un “rescate” ao sector, un dos máis castigados polas medidas derivadas da pandemia.

A andaina, que comezou en Pontevedra e será apoiada por empresariado deste municipio así como de Marín e Poio, se prolongará durante uns 14 días. O obxectivo é chegar o día 21 a Madrid para facer a súa reclamación ante a Cámara Baixa.

O grupo de 11 persoas que vai defender desta forma o sector tomou esta decisión tan drástica para tentar que se escoiten as demandas da hostalaría, en horas moi baixas a pesar de ser dos ámbitos do mercado laboral galego que máis empregos crea.

Polo momento xa conseguiron o apoio a nivel local de PP e PSOE, que din entender a un sector que xa se autodeclara como “na ruína”. Non esquece que se “criminalizou, acusou e discriminou, facéndoo culpábel do aumento dos casos positivos pola Covid-19 en cada desescalada”.

Así a situación foi derivando en limitacións de capacidade, servizos e fechamento ao longo destes últimos meses. Ademais, é importante lembrar que na Galiza, en xeral, hai máis número de estabelecementos por cada 1.000 habitantes, o que fai que haxa que repartir máis a clientela que noutros territorios.

Difíciles consecuencias

Desde a Asociación Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), que colabora coa marcha, é lamentábel ter que lembrar que xa houbo moitos abandonos definitivos e tamén “suicidios de compañeiros que chegaron ao límite”.

Igualmente, responsábeis da entidade cargan contra as medidas da Xunta "porque son inviábeis para o 95% dos negocios”.

“Non hai axudas. De todo o que ofrecen, a letra pequena cómese á grande e, consecuentemente, o 80% dos negocios quedan excluídos de ditas achegas económicas por parte das Administracións”, advirte o empresariado.

Chamada de auxilio

Esta ruta até o Congreso é un dos últimos actos de presión que se lles ocorren. As etapas serán dunha media de 40 quilómetros ao día e Hoempo pide solidariedade á xente que se atopen polo camiño.

Por iso vén de lanzar a campaña “Equipo Rescate Hostalaría” para que haxa quen ofreza onde durmir e onde comer durante a marcha “sen que iso supoña un gasto económico importante”.

Comentarios