domingo 24/10/21

A parte da riqueza da Galiza que se destina a pagar salarios, no seu punto máis baixo

O peso dos salarios no PIB de Galiza caeu nesta década en 4 puntos. O descenso na Unión Europea das remuneracións do persoal asalariado nese mesmo período foi catro veces menos.

Traballadores nunha cadea de montaxe. (Arquivo)
Traballadores nunha cadea de montaxe. (Arquivo)

O peso dos salarios no PIB galego caeu en catro puntos desde 2009 en paralelo ao proceso de aumento dos beneficios empresariais neses mesmos anos. Unha evolución que dá a volta a achega que fai cada un deles ao produto interior bruto do noso país. En 2018, os salarios eran 44% do PIB e o excedente bruto de explotación e renda mixta por riba de 46%. Case una década antes, no 2009, cando a crise comezaba a bater, as rendas do traballo representaban 48,6% e o exdecente, 43,7%. Unha diferenza de 5 puntos a favor dos salarios. Agora esa diferenza é de case dous e a favor do excedente bruto de explotación e a renda mixta bruta (aí entran os beneficios das empresas, o pagamento de intereses, a amortización dos factores de producción como a maquinaria,os alugueres...)

Dito doutra forma, a parte da riqueza do país que se destina a pagar nóminas é cada vez menos. Nestes anos concretouse un cambio de tornas. No PIB xa ten máis peso o excedente bruto de explotación e a renda mixta bruta , que os salarios dos traballadores. A devaluación dos salarios, a temporalidade a precariedade son tres cuestións a ter en conta para entender este profundo cambio. Un cambio sen parangón na contorna: na Unión Europea, e durante estes anos, a perda de peso dos salarios dos traballadores no PIB foi de menos dun punto.

Así, en 2009 a participación das remuneración no PIB situábase en 48,3% e finalizado 2018 está en 47,7%, o que é 6 décimas menos.

Entre 1981 e 2014 a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en por volta de 18 puntos, una perda de vertixe.

Un estudo publicado no seu día polo sindicato UXT sinala que as traballadoras e traballadores da Galiza perderon en tan só unha década 246,22 millóns de euros mentres o empresariado viu medrar os seus beneficios. Desde este sindicato criticaron que o “mercado laboral” do noso país e de baixa calidade a pesar do “crecemento económico que rexistrou a Galiza ao longo dos últimos anos”.

comentarios