Ferrovial proxecta outros 34 aeroxeradores nas Rías Baixas: así é o parque eólico mariño Celta II

A zona de implantación do parque ficaría a 40 quilómetros das illas Cíes, desde onde se poderían contemplar estas instalacións enerxéticas.
Área na que se localizarían a poligonal e as turbinas do parque eólico mariño Celta II. (Infografía: Ferrovial)
photo_camera Área na que se localizarían a poligonal e as turbinas do parque eólico mariño Celta II. (Infografía: Ferrovial)

O segundo proxecto de eólica mariña que tramita Ferrovial en augas galegas, denominado Celta II, é tamén o segundo que prevé situar os seus aeroxeradores nas Rías Baixas, a escasa distancia dos 34 que conformarían o parque Volanteiro, de Capital Energy, segundo figura na documentación que vén de rexistrar a compañía no portal de transparencia do Miteco.

A proposta de Ferrovial é idéntica a nivel técnico á de Capital, pois constaría de 34 turbinas eólicas —de 236 metros de diámetro de rotor e 143 metros de altura de buxe sobre o nivel do mar— cunha potencia unitaria de 15 megawatts (MW), polo que a potencia total instalada sería, en ambos os casos, de 510 MW. As instalacións do parque eólico Celta II ficarían fronte á costa do Baixo Miño, a uns 40 quilómetros de distancia das illas Cíes e a 50 km de Vigo.

Moi próximos á zona de implantación destas instalacións figuran unha vintena de caladoiros de pesca, se ben a empresa afirma na documentación achegada que "ningunha das alternativas propostas [para situar os aeroxeradores] presenta incompatibilidades cos usos da zona".

As redes do cableado presentan outras dúas opcións. O trazado da primeira, de 53 km de lonxitude, evitaría os caladoiros de pesca, mais invadiría o territorio designado como zona de especial protección para as aves (ZEPA) ao redor das Cíes e alcanzaría a costa a través da ría de Vigo, que, recoñece Ferrovial no proxecto, conta cun "amplio e denso tráfico marítimo".

A segunda alternativa evitaría a ZEPA e os caladoiros de pesca, así como as zonas de maior densidade de tráfico. O seu trazado sería de 24,9 km até a costa, accedendo a terra pola Guarda. En calquera dos casos, asegura Ferrovial, "os efectos sobre a pesca —cualificados como de 'magnitude baixa'— sitúanse na zona do trazado do cable, xa que nin a costa leste das illas é un caladoiro, nin a profundidade do parque se atopa dentro das profundidades habituais para a pesca con nasa".

No que atinxe ás afeccións desta infraestrutura sobre o medio biótico, na documentación achegada ao Miteco recóllense os "posíbeis impactos asociados á alteración do fondo mariño", principalmente no trazado do cable. Tamén sinala os prexuízos sobre hábitats de interese e para os cetáceos e outra fauna autóctona: "Calquera acción asociada á modificación dos sustratos por perforación, deposición ou ancoraxe, supón unha afección directa para as especies animais que habitan ligadas ao fondo", recolle o documento.

Os impactos asociados ao medio biótico mariño, pois, son "baixos en xeral" coa excepción das afeccións directas á vexetación e fauna bentónica, así como para os cetáceos e tartarugas, casos nos que os impactos previstos son de "magnitude media". Pola súa parte, os efectos sobre a paisaxe serían "altos", en especial desde as illas Cíes, onde a visibilidade do parque sería maior.

Os parques eólicos Celta II e Volanteiro súmanse aos outros seis proxectos que actualmente tramita o Miteco en augas galegas e que sumarían unha potencia total instalada de máis de 5,2 xigawatts (XW), case o dobre do previsto para desenvolver até 2030 no conxunto do Estado español —entre 1 e 3 XW—.

Porén, todos eles están condicionados á aprobación definitiva dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), unha serie de documentos que, segundo comentaron fontes do sector pesqueiro a Nós Diario, está previsto que se presenten na próxima semana, antes do remate do ano.

Comentarios