O prezo dos vehículos de segunda man sobe na Galiza 5% en xuño

Por territorios, A Coruña foi a que tivo unha maior alza dos prezos en xuño, 8,7% máis. Contrasta coa caída de 1,3% que se computa en Lugo.
A suba da gasolina contrasta coa baixada do diésel. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A suba da gasolina contrasta coa baixada do diésel. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O prezo dos vehículos de segunda man subiu na Galiza 4,6% en xuño en comparación co mesmo mes de 2022, cun prezo medio de 11.700 euros, segundo datos da Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos (Ancove).

Este incremento é similar ao 4,7% de subida na media estatal, cun prezo de 12.758 euros. O prezo dos vehículos de ocasión de máis de oito anos sitúase na Galiza en 8.903 euros de media -no Estado está en 9.623 euros-.

Por territorios, A Coruña foi a que tivo unha maior alza dos prezos en xuño, 8,7% máis. Contrasta coa caída de 1,3% que se computa en Lugo.

Proceso inflacionista

Ancove lembra que a subida do prezo do mercado de ocasión está marcada pola recuperación das fortes caídas de 2020 e 2021, o proceso inflacionista e o encarecemento da tecnoloxía.

En maio dete mesmo ano, Nós Diario informaba que o prezo de coches de segunda man subira por volta de 3,1% en abril na Galiza en comparanza co mesmo mes do pasado ano, segundo un informe que fixera público tamén Ancove.

De tal forma, o prezo medio do turismo de ocasión no país é de 11.485 euros, un rexistro inferior á media estatal, de 12.679 euros. O prezo dos coches de máis de oito anos de antigüidade é de 8.985 euros na Galiza.

Comentarios