O Constitucional paraliza a paga extra ao funcionariado en Euskadi

O goberno vasco en funcións acatará a decisión do Tribunal Constitucional español de bloquear a paga extra de decembro d@s 67.000 funcionari@s da administración pública. No Concello de Pontevedra, o alcalde, Fernández Lores, defende o complemento de produtividade aboado aos e ás traballadoras municipais, unha decisión que o goberno español xa anunciou que recorrerá
Lores
photo_camera Lores

O Tribunal Constitucional ordenou suspender a paga extra de decembro que o goberno vasco ía aboar ao funcionariado, unha decisión que no executivo de Gasteiz xa se sinalou que acatará. Por iso, @s 67.000 funcionari@s da administración pública vasca non cobrarán finalmente a paga extra. A decisión do TC centrou o interese en Pontevedra, cuxo concello aboou aos seus traballadores e traballadoras un plus de produtividade. O goberno español xa anunciou que ía recorrer esa medida.

O subdelegado do goberno, Antonio Coello, afirmou hai uns días que "sempre estivo decidido recorrer as pagas extra do concello de Pontevedra" e sinalou que "as normas son as que son" e que serán os tribunais os que decidan. 

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou a respecto desta cuestión que "non sei se hai que perseguir os alcaldes que pagan a extra aos seus funcionarios ou a Rajoy e Feijóo por lla roubaren. Ese é o debate que debería estar na sociedade”.

Defensa

O alcalde pontevedrés defendeu a actuación do concello, incidindo en que a argumentación da medida está ben construída "para que non poidan leala". O nacionalista considera que perante unha decisión "inxusta" do goberno español, como ordenar suprimir a paga extra, está xustificada a "insumisión". "Nós facemos unha política insubmisa e rebelde contra unha decisión do goberno do PP que consideramos inxusta, e facémolo sendo conscientes das súas posibles consecuencias".

Para o rexedor do BNG, o recurso impulsado polo executivo central enmárcase "na liña do PP de "perseguir os que defendemos os traballadores e a sociedade en xeral", entrementres non actúan igual cos "verdadeiros responsábeis da crise".




Comentarios