O BNG interpela a Durao Barroso: “Pense nos miles de empregos no sector naval”

A eurodeputada nacionalista Ana Miranda advirte ao presidente da Comisión Europea que a devolución das axudas do 'tax-lease' sentenciará a un sector estratéxico para Galiza

Ana Miranda, eurodeputada nacionalista aproveitou a sesión plenaria do Parlamento Europeo para interpelar ao presidente da Comisión, José Manuel Durao Barroso. Unha interpelación na que Miranda instou a Barroso a que “antes de tomar unha decisión pense nos miles de empregos que están en xogo no sector naval tanto en Galiza, onde xa se perderon máis de 10.000 empregos directos, como noutras partes do Estado español, caso de Asturias ou do País Vasco”, salientou a eurodeputada.

A representante nacionalista en Bruxelas apuntou a que “é un contrasentido que estea aquí hoxe a falar de políticas de loita contra o desemprego, se dentro dunha semana a Comisión Europea que vostede preside adopta unha decisión  de sanción que supón acabar con miles de postos de traballo nun sector estratéxico para Galiza”.

Para o BNG, faise máis que necesario unha “decisión política” que garante a viabilidade do sector naval galego, e lembra que iso si se ten feito en situación similares con outros Estados membros.

“O sector non ten porque pagar a incompetencia política do Goberno español á hora de defender os seus intereses ante a UE, nin ten porque pagar polo mero feito de cumprir coa normativa vixente que representaba o sistema do tax-lease”, conclúe.

Comentarios