Eduardo Álvarez (CIG)

“Moitos pensionistas en Galiza, nomeadamente mulleres, que son pobres”

Esta quinta feira, 15 de marzo, decorrerá unha nova xornada de mobilizacións en defensa dunhas pensións dignas, unhas mobilizacións que nas últimas semanas acadaron unha afluencia e repercusión tais que acabaron sendo unha fonte de preocupación para para Monte Pío e a Moncloa. Falamos con Eduardo Álvarez, do colectivo de pensionistas e xubilados da CIG, sindicato convocante das mobilizacións deste 15M.

Screen Shot 2018-03-12 at 20.10.07
photo_camera Eduardo Álvarez, a ler o manifesto das mobilizacións do pasado 27 de febreiro na Coruña

-Esta quinta feira día 15, hai unha nova xornada de mobilizacións de persoas xubiladas e pensionistas, convocada pola CIG, e que se vén sumar ás desenvolvidas ao longo de todos estes meses, tanto polo sindicato como por outras organizacións ou mesmo plataformas. Semella que os pensionistas estades dispostos a non dar tregua…

-Desde o poder queren acabar co modelo público de pensións. Temos claro que a loita ten que ser dura e persistente para poder evitar isto e conseguir os nosos obxectivos, que son tamén os da xente nova. A nosa loita é tamén a súa loita [a da mocidade] porque o futuro que lles espera estase batallando agora en loitas como esta.

-Cales son esas demandas que unen e sacan á rúa a miles e miles de pensionistas e xubilados semanas tras semana?

-Que as pensións máis baixas sexan como o salario mínimo. A pensión mínima anda nos 600 euros e hai moita xente en Galiza que con esa pensión ten que subsistir e esa cantidade non permite unha vida digna. Outra demanda concreta é que a pensión se revalorice na mesma medida que aumentan os prezos, que o IPC.

Pero non debemos perder de vista as reformas do 2011 e 2013, que permitiron a ampliación da xubilación dos 65 aos 67 anos; que as pensións non aumenten conforme ao IPC, senón cun índice que ten a ver coa esperanza de vida e que comezará a aplicarse en 2019. Iso vai traer consigo que as pensións se reduzan.

-A que atribúes que as mobilizacións fosen tan masivas nestas semanas, non só en Galiza, tamén en todo o Estado?

-Ao incremento de 0,25% que anunciou o goberno. É un empobrecemento. Antes os pensionistas non tiñamos que pagar polas medicinas, agora si. Suprimíronse 450 medicamentos do catálogo público e hai que pagar por elas, e aí hai medicamentos que son de uso habitual nesta franxa de idade e que agora hai que pagar a 100%. Subiron gastos de enerxía eléctrica, o custo da alimentación, impostos como o IVE… Iso todo trae consigo que as pensións que se cobran teñan cada vez menos pode adquisitivo.

A nosa loita, a dos pensionistas, é tamén a loita da xente nova

-Cal é a situación dun pensionista ou xubilado galego actualmente?

-Un pensionista medio vén cobrando 730 euros ao mes. E con iso moitos non teñen que vivir só eles, senón tamén familiares que están no paro ou axudar a outros con salarios precarios… Hai moitos pensionistas en Galiza, nomeadamente mulleres, que son pobres e digo pobres no sentido real da palabra.

-Que pensas cando escoitas estas mensaxes, máis ou menos explícitas, de que o actual sistema público de pensións é insostíbel e hai que reformalo?

-Levan con iso desde os anos 90, non é algo tan recente. Desde a queda do bloque da URSS o sistema capitalista avanzou máis cara ao neoliberalismo, aplicando aínda máis aquelas políticas de Ronald Reagan e Margaret Thatcher nos 80 [presidentes de EUA e Reino Unido, respectivamente] e que procuraban a desaparición do estado de benestar.

Co neoliberalismo puntos importantes deste modelo de benestar, como a educación, a sanidade, van minguando, apostando na educación privada e na sanidade privada. E nas pensións, exactamente igual. Por iso queren introducir aquí, como fan noutros países europeos, plans de pensións privados, que son un negocio para bancos e aseguradores.

-Está a falar de intereses moi fortes

-Hainos. Nos anos do ‘boom’ económico os bancos enriquecérense dunha forma un tanto irreal coa construción; agora queren procurar algo máis seguro, como son os plans de aforros e os plans de pensións. E o actual poder político tamén está nesa liña, recomendando e favorecendo plans de pensión privados.

Mais tal e como está o mercado laboral hoxe en día os traballadores non teñen capacidade para aforrar, para poder facer un plan de aforro. Por iso esa aposta nos plans privados é tamén inviábel. Hai estudos que indican que nunha unidade familiar non pode haber aforro con menos de 35.000 euros anuais.

Comentarios