O conselleiro ofrece só "boas palabras, ningún feito" para o naval, afirman sindicatos

A xuntanza do conselleiro de Industria co comité de Navantia e alcaldes de Ferrolterra (agás Mugardos e San Sadurniño, que declinaron ir) foi unha simple "exposición de boas palabras, mais sen concretar nada", segundo os sindicatos. O naval retoma as mobilizacións o día 13, cansos dos "incumprimentos" da Xunta e Madrid
naval conselleiro

"Un regueiro de boas palabras mais sen concretar nada" ou "unha tomadura de pelo" foron algunhas das deficións dadas polos sindicalistas da xuntanza que mantiveron esta cuarta co conselleiro de Industria para falar do naval de Ferrol. A reunión produciuse após o plantón que esta terza deu presidente da Xunta e conselleiro a representantes do naval ferrolán que se desprazaron até Compostela. De aí que alcaldes como os de Mugardos ou San Sadurniño xa anunciasen que non asistirían á nova cita "pois non queremos ser monaguillos nas exequias do naval".

Representantes do comité de empresa de Navantia lamentaron que o encontro só servise para escoitar declaracións de boas intencións por parte do conselleiro, "e con iso non se salava este sector, que perdeu nestes meses perto de 2.000 empregos".

Desde a CIG consideran que a xuntanza servíu para que o titular do departamento autonómico "botase balóns fóra sobre o incumprimento do dique flotante". Neste sentido, o conselleiro volvería insistir no guión que os populares manteñen desde que a SEPI dixese que non ía haber esta infraestutura. É dicer,  o PP di que o que formulaba para Navantia era "ou carga de traballo ou dique". Con ese discurso como base, afirma o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que non haxa dique non é unha responsabilidade ou incumprimento da Xunta ou goberno central. Porque, prosegue, hai "carga de traballo".

E que carga de traballo? Pois a que viría de Pemex, di o conselleiro, alegando que o compromiso coa multinacional mexicana xa está practicamente feito. A realidade, porén, é outra: Pemex decidirá entre ofertas de estaleiros de varios países.

Novas mobilizacións

O naval de Ferrol mantén o calendario de mobilizacións, que terá unha nova cita o vindeiro 13 de febreiro, cunha manifestación en Compostela. E a finais de mes,unha protesta a nivel comarcal.

Comentarios