A moratoria concursal maquilla a destrución de empresas na Galiza

Entre xaneiro e novembro de 2021, o saldo de creación empresarial volve ser positivo na Galiza, en parte pola moratoria concursal, que limita as posibilidades para instar este tipo de figura que antecede en moitos dos casos as disolucións. Fican así atrás as cifras de 2019, ano en que desapareceron perto de 2.500 empresas na Galiza. 
Gráfico da creación e disolución de empresas entre xaneiro e novembro de 2021 (Nós Diario / Iberinform).
photo_camera Gráfico da creación e disolución de empresas entre xaneiro e novembro de 2021. (Foto: Nós Diario / Iberinform)

A Galiza padece desde hai anos un problema xa crónico de perda de poboación, unha realidade que nos últimos tempos parece terse trasladado tamén ao ámbito empresarial. Tal é así que en 2019, o ano previo á pandemia, o país perdeu perto de 2.500 sociedades mercantís, o que o coloca como o territorio con peor taxa neta do Estado español, a moita distancia do resto.

A tendencia nos últimos meses variou. Segundo o último informe de Axesor, entre xaneiro e outubro de 2021 houbo 177 empresas que presentaron concurso de acredores na Galiza. Son 10% menos que no mesmo período do ano anterior, aínda que a porcentaxe é moito menor que a da media estatal, que se sitúa en 41,08%, o que dá conta dun mellor comportamento do ecosistema empresarial galego fronte aos efectos da pandemia.

Este cambio de tendencia vén de ser constatado pola empresa Iberinform, que onte presentou os datos da análise que publican sobre procesos concursais a partir dos datos recollidos polo Boletín Oficial do Estado (BOE).

Segundo eses datos, a Galiza non destaca entre os territorios con maior concursalidade, mais si nos outros dos aspectos que se analizan no informe: a creación e a disolución de empresas. 

No primeiro deles, o documento de Iberinform destaca o aumento de 30% na creación de empresas no Estado español no acumulado do ano (xaneiro-novembro) en relación ao mesmo período do ano anterior, cun total de 92.933 sociedades creadas fronte ás 71.698 de 2020. 

Lonxe das porcentaxes de territorios como Madrid, Catalunya ou Andalucía, a Galiza destaca cunha porcentaxe de 4% do total, o que supón a creación de algo máis de 3.700 sociedades mercantís nos once primeiros meses do ano. 

No caso das disolucións, que se incrementaron 16% no mesmo período no Estado español, a porcentaxe que representa a Galiza sobre o total é maior (6%), mais os valores aos que fai referencia son moito menores. En total, entre xaneiro e novembro de 2021, creáronse 22.754 novas empresas, das que á Galiza corresponderían arredor das 1.350, o que arroxaría un saldo  positivo de 2.350 sociedades, que compensaría en gran medida o volume perdido en 2019.

Nova moratoria

Con todo, os datos non son comparábeis, xa que pola pandemia existe unha moratoria concursal que permite ás empresas en situación de insolvencia non estar obrigadas a declararse en concurso de acredores, como tampouco se aceptarán os concursos necesarios instados polas firmas acredoras.

Esa prórroga expiraba o vindeiro 31 de decembro, pero a finais de novembro o Goberno estatal acordou estender a moratoria até 30 de xuño de 2022, segundo a portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez, para ir "en consonancia" co criterio da Comisión Europea, "dar seguridade xurídica e seguir apoiando as empresas" nesta fase de recuperación. 

O obxectivo último desta medida é evitar unha avalancha de insolvencias, algo que xa descartan desde o Consello Xeral de Economistas que, aínda así, prevé que España sexa onde máis crezan as insolvencias no presente exercicio, cunha alza media de 24% respecto aos valores de 2019, mentres que para 2022 estima que estes procedementos aumenten 26%. 

Tamén son optimistas os propios empresarios e empresarias galegas. Segundo un recente estudo da Cámara de Comercio de España sobre o clima empresarial na Galiza, 70,1% das empresas cre que a situación económica "vai mellorar", un dato lixeiramente inferior ao do conxunto de territorios (72,7%). Ademais, 87,3% están preocupadas pola evolución dos custos da enerxía e as materias primas.

Dificultades no camiño

Tanto é así que os prezos da enerxía e a evolución dos prezos das materias primas son "a dificultade máis importante" que identifican 50,5% das empresas galegas, seguida da man de obra. 

En relación a este último punto, 79,4% das empresas galegas recoñeceu ter problemas para dar no mercado con perfís profesionais adecuados ás súas necesidades, representando na actualidade un problema para 45,1% das empresas enquisadas. Os postos que máis lles custa cubrir son os de produción e operacións, loxística, ventas, mercadotecnia e contido. 

Segundo a enquisa, 66,1% das empresas galegas afirma ter plans de formación, fronte a 69,1% da media estatal. Con todo, a porcentaxe de formación práctica de alumnado de FP chega a 56,7%, mentres que a no conxunto do Estado non chega a 50% "por falta de tempo para supervisar o alumnado".

Comentarios