Galiza perdeu perto de 2.500 empresas no ano previo á pandemia da Covid

O territorio do Estado con maior perda neta de sociedades mercantís. 
A creación de empresas estase a ver afectada polo coronavirus (Europa Press).
photo_camera (Foto: Europa Press)

A crise demográfica que vive Galiza desde hai anos non só se limita á poboación. O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou a demografía harmonizada de empresas correspondente ao exercicio 2019, previo á pandemia da Covid, no que Galiza destacou como o territorio con maior perda neta de sociedades mercantís entre todos os do Estado español.

Segundo os datos, en 2019 estiveron activas na Galiza un total de 218.334 empresas, unha cifra só superada por catro territorios ─Andalucía, País Valenciá, Catalunya e Madrid─, o que dá conta da atomización do empresariado galego.

Balanzo

Pero o dato que máis destaca é o que afecta ao balanzo entre as empresas creadas e as que deixaron de operar. Só catro territorios presentan, xunto con Galiza, cifras negativas ─Asturias, Aragón, Castela e León e Estremadura─, aínda que as porcentaxes en ningún dos casos superan o medio punto porcentual, agás no galego, que ascende a 1,1%.

E é que, segundo os rexistros, na Galiza constituíronse en 2019 un total de 16.982 empresas, mentres que desapareceron 19.404, o que deixa un saldo negativo de -2.422 sociedades, máis do dobre do que perden os outros catro territorios xuntos.

Cuestión de supervivencia

Atendendo ao territorio onde tiñan a súa sede as empresas, a cidade autónoma de Melilla (11,6%), Andalucía (11%) e Baleares (10,9%) presentaron as maiores taxas de nacementos en 2019. Pola súa banda, as taxas máis baixas déronse na Rioxa (7,1%), Castela e León (7,4%) e Nafarroa (7,6%).

En canto ás mortes de empresas, as maiores taxas rexistráronse nas Canarias (9,9%), Baleares (9,5%) e a cidade autónoma de Ceuta (8,9%), e as menores na Rioxa (6,9%), Nafarroa (7,1%) e Cantabria (7,7%).

Primeiro ano

O primeiro ano de vida é cando se producen os maiores descensos de unidades empresariais, con taxas de supervivencia do 77,3% ou inferiores. Cabe destacar que os efectivos da poboación de empresas nadas en 2014 quedaron reducidos a menos da metade tras catro anos.

En canto a desaparicións nos tres primeiros anos de vida das empresas, obsérvase que a mortalidade vai aumentando ata 2010 onde alcanza o seu maior nivel. Despois descende progresivamente, salvo nos anos 2014 e 2016 nos que rexistra lixeiros aumentos.

Comentarios