O mínimo exento de pagar IRPF elévase a 15.876 euros

O Goberno estatal aproba a medida para adecualo ao SMI.

A ministra de Facenda do Estado español, María Jesús Montero no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A ministra de Facenda do Estado español, María Jesús Montero no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Goberno estatal aprobou esta terza feira o incremento do mínimo exento no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) en 2024 desde os 15.000 euros até os 15.876 euros anuais, co obxectivo de actualizalo á nova subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), que xusto supón esa mesma cifra no seu cómputo anual.

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, explicou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que, do mesmo modo que se fixo o ano pasado, a suba do SMI aprobada tamén esta terza feira acompañarase dun cambio legal para permitir que por baixo desa renda "ningunha persoa pague o IRPF".

"Ou dito doutra maneira: que os contribuíntes que cobran aé ese limiar estean exentos do pago dos correspondentes impostos", sinalou a titular de Facenda.

Esta modificación do regulamento supón, segundo Montero, unha rebaixa fiscal para rendas inferiores a 20.000 euros e implicará que os traballadores que cobren o SMI -1.134 euros mensuais en 2024- non sufra ningunha retención. "Esta medida de IRPF vai beneficiar 5,2 millóns de contribuíntes con renda baixa que se van a aforrar 1.385 millóns de euros no ano 2024", destacou a titular de Facenda.

Por exemplo, Montero explicou que unha persoa que gañe xusto o SMI de 15.876 euros anuais, no ano 2017-2018 tiña unha retención do 7%, pagando 1.111 euros ao ano a Facenda. Agora, coa rebaixa fiscal aprobada os cidadáns non terán que pagar nada.

Outro exemplo: unha persoa que gaña un salario de 18.500 euros que corresponde ao soldo máis frecuente do país, en 2024 pagará 1.128 euros fronte aos 2.000 que pagaba no ano 2018, "case a metade que se pagaba cos gobernos do Partido Popular".

Igual ocorre con pensionistas que teñen prestacións baixas e medianas que van a tamén a pagar menos impostos que co goberno do Partido Popular, segundo Montero. Un xubilado entre 65 e 75 anos que cobra pensión de 1.214 euros -17.000 euros anuais- en 2018 esta persoa pagaba 1.462 euros, mentres que en 2024 pagará 224 euros.

Comentarios