51 de cada 100 euros van para a alta velocidade

Menos de mil millóns de euros para Galiza nos orzamentos do Estado, os piores desde 2004

O Goberno Rajoy non premia precisamente os 41 escanos logrados por Feijóo nas eleccións galegas de setembro de 2016. No seu primeiro orzamento nesta lexislatura, Montoro aplica as tesouras a Galiza e reduce os investimentos no noso país en 32 por cento a respeito das contas de 2016. 51 de cada 100 euros van para a alta velocidade.

O investimento programado polo Estado para Galiza en 2017 ascenderá a 924,6 millóns de euros, un sustancial descenso a respeito dos 1.363 millóns orzamentados en 2016.

A queda é dun 32 por cento e deixa en mal lugar o goberno Feijóo, que non demostra ter un grande peso político á hora de influír nas decisións de gasto do Ministerio de Facenda.

Son as contas máis baixas para Galiza desde 2004.

Os orzamentos territorializados descen en todas as comunidades autónomas, con excepción de Canarias, que obtería perto de 8 millóns de euros máis do que en 2016, no que todo apunta como un aceno de Rajoy a Coalición Canaria e ao deputado de Nova Canaria eleito nas listas do PSOE e cuxo voto é preciso para as contas seren aprobadas na Cámara Baixa.

No ránking estatal, Galiza é o quinto territorio do Estado en investimentos. En 2016 era o terceiro. Encabezan a clasificación Andalucía e Catalunya, con 1.156 e 1.149, respectivamente.

A chuvia de millóns prometida a Catalunya non se corresponde coas contas. De facto, baixa o investimento a respeito de 2016, embora nunha cantidade mínima, só 30 millóns de euros menos.

 
 

Comentarios