A madeira cortada descendeu 15,1% na última anualidade
A idade media dos titulares forestais é de 64 anos.
O Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo público onte o relatorio de Caracterización socioeconómica das persoas solicitantes de aproveitamentos forestais. O documento, elaborado en colaboración da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellaría do Medio Rural, conclúe que en 2023 o volume das cortas de madeira en relación á anualidade anterior descendeu 15,1%.
Un dato que contrasta coa elevada porcentaxe de superficie ocupada polo monte na Galiza. A este respecto, a Enquisa sobre superficies e rendementos de cultivos de 2023, elaborada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, indica que a masa forestal ocupaba 1.794.483 hectáreas, representando 60,7% do territorio galego e 5,7% do estatal.
Cortas
Segundo os datos achegados polo instituto público, a madeira cortada en 2023 ascendeu a 8,9 millóns de metros cúbicos, unha cifra que fica lonxe do volume de cortas de 2022 e de 2021, situándose lixeiramente por arriba da de 2020. Neste sentido, o informe sinala que, "se nos fixamos na evolución do número de persoas que pediron aproveitamentos forestais e no volume das cortas destas solicitudes, obsérvase unha caída no ano 2020 e unha recuperación posterior en 2021 e en 2022, tanto no número de persoas como no volume de cortas".
A maioría da madeira cortada en 2023 procede dos montes veciñais, que realizan 48,3% das cortas —74,7% do volume total—; seguidos, a moita distancia, polas sociedades limitadas, con 25% das cortas, que suman 12% do volume, e das sociedades anónimas, con 10,7% das cortas e 5,2% do total da madeira nesa anualidade.
Perfil de solicitantes
A análise das características das persoas solicitantes de aproveitamentos forestais apuntan ao elevado envellecemento dos titulares desas propiedades. Nesta perspectiva, o relatorio elaborado polo IGE sinala que "se trata dunha poboación onde os homes representan 58,1% e que se concentra maioritariamente entre os 60 e os 74 anos de idade". Neste punto, concreta que a idade media das persoas que demandaron os aproveitamentos forestais en 2023 situouse en 64,4 anos.