A luz subirá un 2,3% no primeiro trimestre de 2014

O presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, avanzou a porcentaxe que se incrementará a factura da luz após a parálise da poxa eléctrica. O novo mecanismo de cálculo será presentado a partir do mes de marzo. 

Na súa comparecencia pública para valorar en termos políticos e económicos o 2013 que remata, Mariano Rajoy avanzou que o prezo da luz subirá un 2,3% a partir de xaneiro e durante o primeiro trimestre de 2014. 

Así o aprobou o seu executivo no Consello de Ministr@s decorrido esta sexta feira. Aliás, asegurou que a súa equipa de goberno está a traballar nunha nova ferramenta de cálculo após a parálise da última subasta eléctrica por mor de "irregularidades" no proceso de fixación de prezos. A nova fórmula será aprobada no segundo trimestre do vindeiro ano.

Inicialmente as compañías eléctricas prevían un incremento de máis do 11% no custe final da luz de uso doméstico, mais ao final esta será substancialmente inferior após o clamor popular que denunciou o "roubo" que supuña 'o tarifazo'.

Comentarios