Do Goberno á empresa: a 'porta xiratoria' das eléctricas

A piques de se fixar o custe da luz a partir do mes de xaneiro, revisamos o número de ex-ministr@s e mesmo presidentes do goberno español que integran os consellos de administración ou actúan como asesor@s das compañías eléctricas.

REFERENCIAS T&D-ES

Esta sexta feira o executivo español anunciará canto se incrementará o custe da luz após paralizar Competencia a poxa eléctrica por "irregularidades" no proceso. Nos últimos cinco anos o recibo incrementouse nun 70% e só en 2013 os petos das familias asumiron catro subas consecutivas entre o 3,2% e o 1,2%.

O recibo da luz sube de maneira consecutiva desde 2009 e incementouse nos últimos cinco anos nun 70%

Os interrogantes cérnense para moit@s nas prácticas empresariais que propician estas decisións e na relación que existe entre o sector eléctrico --privatizado desde a década dos '90-- e os dous grandes partidos, responsábeis do marco regulador que rexe ás eléctricas e que permite uns prezos á alza desde o último quinquenio. 

A coñecida como 'porta xiratoria' reflicte un importante trasvase de responsábeis políticos cara á empresa privada, sendo as máis, as persoas que após asumiren cargos gobernamentais remataron cunha cadeira nalgunha das empresas sobre as que adoptou decisións. Nomeadamente no sector eléctrico. Os nomes máis significativos son os dos ex-presidentes españois Felipe González (PSOE) e José María Aznar (PP). 

Gas Natural e Endesa

Felipe González é asesor de Gas Natural desde 2010, durante a súa presidencia do goberno a compañía fíxose co 91% do accionariado da empresa pública que xestiona o gas no Estado español (Enasa)

González foi responsábel da privatización de Enagas (Empresa nacional de Gas), encargada de construír e xerir máis de 9.000 km de gaseodutos para a implantación do gas natural por todo o territorio estatal. En 1994 o 91% do seu accionariado foi venido a Gas Natural --entidade que se faría co total de accións en 1998. A partir de 2003 unha mudanza lexislativa impediria que ningún accionista posuíse máis do 5% da empresa pública polo que Gas Natural comezaría, por imperativo legal, a desprenderse das súas accións. En 2010, o ex-presidente socialistas, entraría como asesor externo da entidade --actualmente tamén é accionista. Durante as dúas primeiras semanas --e segundo a memoria económica da propia Gas Natural en 2010-- o ex-líder do PSOE e ex-presidente do goberno, obtivo remuneracións por valor de 11.500 euros (1.000 euros por cada día hábil). 

Aliás, sonado foi o caso da autorización concedida polo Ministerio a unha das filiais de Gas Natural (Petroleum Oil & Gas España), da que Felipe González é conselleiro e accionista-- para a construción dun gaseoduto no Parque de Doñana. O proxecto coñecido como El Saladillo visa a produción e almacenado de gas, mesmo nesta reserva da biosfera da que o propio González tomou parte do Consello Reitor do parque, do que demitiu un mes antes de se coñecer a autorización.  

Porén, Felipe González non é o único. Pola súa banda, o ex-presidente popular, José María Aznar, foi contratado como asesor externo por Endesa en xaneiro de 2011. O seu goberno foi responsábel de rematar o proceso de privatización da eléctrica --iniciado unha década atrás polo seu predecesor no cargo. Mais a relación do Partido Popular coa compañía xa viña de lonxe. Neste senso, o que foi número dous nas listas do PP ás eleccións xerais de 2008 presidira Endesa entre 2002 e 2007. Aliás, o ex-conselleiro de Economía é conselleiro de Enel, titular do 92% de Endesa. 

Pedro Solbes, Elena Salgado, Ángel Acebes ou Miguel Roca son algúns dos nomes que pasaron do Goberno ás eléctricas

Xunto a eles está a tamén ex-ministra, Elena Salgado (PSOE) e un dos responsábeis da redacción da Constitución de 1978, Miguel Roca, que son conselleira e vogal, respectivamente, no Consello de Administración da empresa eléctrica. 

Iberdrola, Red Eléctrica española e HC Energía

Tamén así, Iberdrola conta entre as súas fichaxes con ex-ministros. É o caso de Ángel Acebes, ministro de Xustiza, Interior e Administracións Públicas durante os gobernos de Aznar (1996-2000/2000-2004) e actualmente conselleiro externo e membro da comisión de nomeamentos e retribucións da eléctrica. Ao igual que Miguel Boyer e María Ángeles Armador(PSOE) que integran o consello de administración de Red Electrica Española, ou Luis Martínez Noval (PSOE) que toma parte da compañía HC Energía.