Xunta

Feixoo négase a comparecer no Parlamento pola investigación da entrada de Pemex en Barreras

Investigan a entrada da empresa petroleira mexicana no estaleiro vigués Hijos de J. Barreras.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, após o Consello da Xunta desta quinta feira (Arxina).
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, após o Consello da Xunta desta quinta feira (Arxina).

Para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, é "unha falta de respecto ao propio Parlamento" dar explicacións diante da Deputación Permanente sobre a súas implicacións na investigación da xustiza en relación ao caso Pemex como reclama a oposición.

"Un clásico". Iso é o que lle parece ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a petición de toda a oposición galega para que compareza no Parlamento da Galiza para que dea conta da súa vinculación coa presunta trama corrupta orquestrada polo ex director xeral da petroleira mexicana Pemex, Emilio Lozoya, e o seu papel na entrada desta empresa no estaleiro vigués Hijos de J. Barreras.  

"A un clásico o que hai que responder é primeiro coa verdade, e ademais unha verdade clásica. Todo o mundo na Galiza sabe que cando conseguimos os barcos para os estaleiros galegos non estaba este señor en Pemex [en referencia ao ex dirixente da petroleira Emilio Lozoya, detido a petición da xustiza mexicana]. Por conseguinte paréceme ridículo esta formulación", manifestou Feixoo após a reunión semanal do Consello da Xunta.

Desta maneira, con evasivas, concluíu que non vai comparecer na Cámara galega, como reclaman o PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e En Marea desde o Grupo Mixto. "Se teño que dar explicacións por isto é unha falta de respecto ao propio Parlamento e a propia institución da Xunta da Galiza", xustificou, para á continuación fiar todos os argumentos a unha estratexia das súas opositoras nas vindeiras eleccións do 5 de abril: "Como é natural, estamos en campaña electoral. Na que na miña opinión non cabe todo, pero polo que se ve si parece que empeza a caber todo".

"Permítanme que o tome como unha cuestión máis de campaña electoral, que haberá máis... Sairán máis, só espero que as que saian posteriormente teñan un pouco de enxunlla porque esta simplemente se desminte lendo os xornais e os teletipos", engadiu Feixoo, aparentemente incómodo pola insistencia das xornalistas.

"Que se diga o que se diga e se intoxique o que se intoxique. Eu fun acusado, en primeiro lugar, de que aqueles barcos de Pemex eran mentira, nun debate televisivo. Despois, fun acusado de que non eran uns barcos, que era uns barquiños. De que lle regalamos o estaleiro de Barreras a Pemex. E agora resulta que México abre unha investigación por dicir que Pemex regalou cantidades de diñeiro ao estaleiro de Barreras. A ver se se poñen de acordo con algo. E por se acaso, por se alguén pasaba por aí, aparece un presidente de Pemex que o foi antes de asinar os barcos, que está chamado á xustiza mexicana non polos asuntos de Barreras senón por outro asunto cunha empresa brasileira", debullou o candidato á reelección polo PP, que obviou que o seu nome, e o doutro alto cargo do seu Goberno, aparecen nas informacións da prensa mexicana a respecto da investigación da Fiscalía deste país da compra do estaleiro vigués por Pemex.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios