Un grupo do Porriño seleccionado como instalación estratéxica para fabricar vacinas, con capacidade para 500 millóns

Zendal é a primeira compañía seleccionada pola  CEPI en Europa no proceso de aceleración da vacina contra a Covid-19.
probas, vacinas, rusia, coronavirus
photo_camera (Foto: Europa Press)

O grupo Zendal -con sede no Porriño-, a través da súa filial  Biofabri, foi seleccionado pola Coalición para a Promoción de Innovacións para a Preparación ante Epidemias ( CEPI) como instalación estratéxica para ampliar a capacidade de fabricación de vacinas contra o coronavirus a nivel internacional.

Segundo informa nun comunicado, o acordo asinado entre o Grupo Zendal e a  CEPI establece que a compañía  biofarmacéutica reservará a capacidade de fabricación de polo menos 500 millóns de doses de vacinas Covid-19 (fase de enchido e acabado) até maio de 2022.

Zendal é a primeira compañía seleccionada pola  CEPI en Europa no proceso de aceleración da vacina contra a covid-19.

CEPI ten por obxectivo producir 2.000 millóns de doses contra o coronavirus que sexan "seguras e efectivas" para finais de 2021.

Esta é unha alianza internacional que naceu en 2017 para o desenvolvemento de vacinas fronte a epidemias.

"Este acordo recentemente asinado coa coalición liderada por  CEPI, de importancia clave nestes momentos, pon de relevo que somos moitos os actores implicados e necesarios na loita contra a pandemia", valora o  CEO de Zendal, Andrés Fernández.

"Así mesmo, reforza a posición de Zendal como grupo biotecnolóxico preparado e con capacidade para desenvolver o proceso integral de produción dunha vacina, desde a súa propia fabricación, ata o envasado e acondicionamento para a súa posta final no mercado", subliña.

Comentarios