Convocan protestas ante Lactalis e Larsa polos baixos prezos do leite

Unións Agrarias convoca actos de protesta o día 11 ante a sede de Lactalis, en Vilalba. e o 16 na de Larsa, en Castro de Rei, para protestar polos baixos prezos do leite.
Unha explotación de leite (Gandeiría Conde da Xesteira)
photo_camera Unha explotación de leite (Gandeiría Conde da Xesteira)

O sindicato Unións Agrarias anunciou onte a convocatoria de protestas ante as sedes de Lactalis (Vilalba) e a de Larsa (Outeiro de Rei) para reclamar unha suba dos prezos que se pagan a produtores polo leite no canto de "esmolas". A mobilización ante Lactalis será esta quinta feira, 11 de novembro, e cinco días máis tarde será a quenda da de Larsa.

Segundo denunciou en rolda de prensa o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa, Felix Porto, tanto Lactalis como Larsa, dúas das industrias con maior cota de mercado na Galiza, dado que recollen leite a uns 1.500 e 1.000 gandeiros, respectivamente, "non aplican o que dicía a lei de cadea".

O representante de Unións Agrarias pon de exemplo que Lactalis ofrece unha alza "case irrisoria" dun céntimo despois de que a distribución incrementase prezos nos lineais que non se repercuten "nada" nos produtores.

Nesta liña, o responsábel do sector lácteo de Unións, Óscar Pose, acusa Lactalis e Larsa de quedar con "un incremento de tres céntimos en lineais" que non chegan aos produtores.

Ampliar as protestas

O sector leiteiro, farto desta situación, está disposto a incrementar as protestas. Desde a asociación Agromuralla, que a semana pasada protagonizou unha multitudinaria protesta en Lugo, mesmo valoran a posibilidade de levar as súas reivindicacións a Madrid e Compostela.

Agromuralla valora levar as súas reivindicacións até Compostela e mesmo Madrid

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego lamentou que Unións Agrarias se desmarcara da súa proposta de mínimos para unha mobilización unitaria, unidade que xa se está a dar no marco estatal, e para a que seguen á espera dunha resposta por parte do sindicato. 

Comentarios