A falta de industria láctea propia de transformación prexudica as granxas

Os datos que achega Fonterra -industria neozelandesa que opera como principal sistema de poxas de lácteos a nivel mundial a través do Global Dairy Trade (GDT)-, sobre o valor de referencia dos derivados lácteos a nivel internacional non deixan dúbidas sobre o seu incremento durante a pandemia. Coa falta de industria propia de transformación, cooperativas e empresas de fóra aproveitan  os baixos prezos que non poden conseguir noutros territorios para incrementar os seus beneficios. 
O conselleiro de Medio Rural, José González, durante unha visita a Queixería Entrepinares, en Vilalba, en xaneiro de 2020 (Xunta da Galiza).
photo_camera O conselleiro de Medio Rural, José González, durante unha visita a Queixería Entrepinares, en Vilalba, en xaneiro de 2020 (Foto: Xunta da Galiza).

O prezo dos produtos derivados do leite seguiron aumentando durante a pandemia e serviron de valor seguro para a grande industria que comercializa a súa elaboración. A Galiza segue liderando as entregas de leite no Estado español mais non ten peso propio nese mercado. No mes de abril, segundo datos da asociación Terra e Leite, entregáronse 252.842 toneladas de leite, representando un 39,4% do total que se produce no Estado español, mais o seu prezo medio aquí é de 33,6 céntimos cando no resto do Estado situaríase en 35,5 céntimos. 

Segundo a información que move a Xunta, Galiza transforma un 51% do leite que produce e esa é a materia pendente que prometeu resolver o Plan estratéxico para o sector lácteo que presentaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro do Medio Rural, José González, o pasado mes de novembro. Nel propoñen incrementar as axudas a proxectos semellantes aos que xa contan con apoio institucional como son os da norteamericana Inleit e Entrepinares de Valladolid. 

Importantes subas no leite en po e a manteiga

As cifras de Fonterra confirman o aumento considerábel que están a ter os prezos dos derivados lácteos. Con datos da última poxa realizada este mesmo mes de xuño, á cabeza dos derivados que encareceron o seu custo está o leite enteiro en po que, malia retroceder este mes 1,6%, continúa a atoparse entre os prezos máis altos cunha variación interanual de 41,29 % en comparación ao valor alcanzado en xuño 2020.

O leite magro en po, nesta última poxa, retrocede o seu valor nun 1,73% en relación ao prezo publicado o 4 de xuño e mantén un balance positivo dun 28,63% en comparación ao prezo medi0 do mesmo mes de 2020. 

O terceiro produto que máis se encareceu foi a manteiga que tivo un comportamento moi semellante aos anteriores. No GDT deste mes retrocedeu un 1,66% mais mantivo un aumento dun 28,22% por enriba do prezo que tiña no mesmo mes de 2020.

En relacións aos queixos, o tipo Cheddar aumentou o seu prezo un 0,09% para situarse un 19,19% maior na cómputo interanual.

Valor engadido e capital galego

A Federación Rural Galega (Fruga) denunciou esta mesma semana que as industrias lácteas que operan na Galiza "están facendo caixa" cos produtos elaborados. "Na Galiza estase comprando o leite moi barato e boa parte da industria aproveita para pagalo máis alto noutros sitios", sinala Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros desta organización, en conversa con Nós Diario. Pon como exemplo a cooperativa Peñasanta ou Lactalis. Cre que é moi importante o "valor engadido" que poidan deixar as empresas lácteas, mais bota en falta "que sexan de capital galego".

O valor engadido viría da propia transformación de cara a comercializar propostas con demanda no mercado e non da actual aposta polo leite líquido que, segundo a Fruga, "empregan moitas veces para as marcas brancas e favorecen intereses de cooperativas de fóra".

Somoza engade que unha boa parte do leite líquido que se vende na Galiza "remata tamén transformándose fóra". Desde a Fruga levan tempo reivindicando a creación dunha industria láctea galega forte que defenda os intereses do sector na Galiza. 

"Agora mesmo unha mesma cooperativa merca o leite máis caro en Asturies que na Galiza", denuncia. En todo caso desde esta organización agraria nacionalista exixen que as explotacións galegas que venden o leite para a súa posterior transformación "deberían cobrar máis por ela e non estar atados polas cláusulas que lles poñen nos contratos".

Comentarios