O Goberno español aprobará un plan de medidas "urxentes" para impulsar o aforro enerxético

Aliás, o Executivo estatal proporá novamente á Unión Europea desvincular os prezos de gas e electricidade. 
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou esta sexta feira que o Consello de Ministras e Ministros da vindeira semana aprobará un plan de medidas "urxentes" coas que o Executivo estatal pretende impulsar o aforro enerxético de cara ao inverno.

As medidas non se coñecerán até a vindeira segunda feira, mais Sánchez apuntou que "aforrar enerxía é unha tarefa de todos" se queremos "reducir a nosa factura enerxética e reducir a nosa dependencia do agresor", en referencia ao gas natural distribuído por Rusia.

Segundo adiantou o presidente español, o plan estará enfocado tanto nas familias como nas empresas, e non "implicarán recortes".

Explicou tamén que o Goberno estatal quere "aforrar e ser solidarios con Europa". Entre os exemplos que deu de comportamentos que se poderían regular, destacou que "basta pasearse por un centro comercial para saber que ao mellor a temperatura está demasiado baixa".

Propostas na Unión Europea 

De cara a setembro, o Executivo de Pedro Sánchez ten previsto presentar dúas propostas ante a Unión Europea (UE) para seguir afondando no aforro enerxético.

Por unha parte, o Goberno español volverá presentar unha iniciativa para desenvolver unha reforma do mercado enerxético europeo e desvincular o prezo do gas do prezo da electricidade. 

Por outra parte, a segunda das medidas que o Estado español levará a Bruxelas en setembro será a de pór un tope ao prezo das emisións de dióxido de carbono (CO2).

En palabras de Pedro Sánchez, estas medidas "van beneficiar o Estado español e as súas familias e a toda Europa a dobregar a curva da inflación".

Comentarios