Cinco chaves do plan de redución de gas da UE

A nova normativa comunitaria prevé diferentes escenarios a respecto da crise enerxética.
As medidas non afectarán, polo de agora, aos fogares. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os fogares serán considerados "clientes protexidos". (Foto: Nós Diario)
  1. Cal é o obxectivo de aforro?
  2. A quen vai dirixido o plan de aforro?
  3. Limitarase a actividade da industria?
  4. Afectará os fogares?
  5. Que pasa se un Estado precisa máis gas?

Os ministros e ministras de Enerxía dos 27 Estados membro da Unión Europea pactaron esta terza feira reducir o consumo de gas até a próxima primavera, coa única oposición de Hungría.

Cal é o obxectivo de aforro?

A iniciativa comunitaria 'Aforrar gas para un inverno seguro' decreta unha diminución de 15% do consumo. Porén, prevé algunhas excepcións baseadas en cuestións como as interconexións, a capacidade de exportación ou a dependencia do gas ruso que ten cada país. Así, no Estado español e Portugal o obxectivo limitarase á metade do previsto no conxunto da UE: 7%.

A quen vai dirixido o plan de aforro?

O documento da Comisión Europea recolle que todas as persoas consumidoras, as administracións públicas, os propietarios de edificios públicos, os provedores de electricidade, a industria e mesmo os fogares deberán "tomar medidas para aforrar gas".

Limitarase a actividade da industria?

O sector industrial será un dos principais afectados por esta medida. Antes do remate do próximo mes de setembro, os Estados membro deberán actualizar cadanseu plan nacional de emerxencia, "estabelecendo as medidas de redución da demanda que estean a valorar".

Entre esas directrices figura un cambio de combustíbel na industria e o sector eléctrico cara ás enerxías renovábeis. Aliás, a UE abre a porta a unha posíbel diminución obrigada da actividade industrial, un escenario que "non pode excluírse". Non se prevén restricións ou racionamento até quedaren esgotadas "todas as posibilidades de substitución" por alternativas enerxéticas 'limpas'.

Afectará os fogares?

O plan, se ben insta todos os axentes sociais a reduciren o consumo, estabelece que os fogares entran dentro da definición de "clientes protexidos", polo que "serían os últimos en verse afectados pola escaseza". Dentro das previsións que manexa a UE a respecto dun hipotético corte do subministro por parte de Rusia, as vivendas particulares non sufrirían as consecuencias.

Porén, o documento subliña que os fogares xogan "un papel moi importante" nos vindeiros meses de cara a reducir o consumo de gas. Así, propón baixar un grao o termostato da calefacción e subilo no ar acondicionado, alén doutras meddias como secar a ropa ao ar libre.

Os Estados membro, sostén, deberán realizar campañas de información para "concienciar a cidadanía" da necesidade de limitar o consumo.

Que pasa se un Estado precisa máis gas?

A Comisión Europea monitorizará o cumprimento deste plan. No caso de que un Estado membro precisase unha maior cantidade de gas para garantir o subministro eléctrico, e unha vez demostrado que aplicou todas as medidas dispoñíbeis das dispostas nesta iniciativa de aforro, a UE cursará solicitudes de "subministros solidarios" entre países.

Comentarios