Así afectará a túa factura da luz o tope ao prezo do gas

O prezo máximo será de 40 euros/MWh durante seis meses e logo incrementarase no seguinte semestre á razón de cinco euros mensuais.
Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
photo_camera Segundo a ministra, a factura baixará "perto de 30%". (Foto: Nós Diario)

Esta semana a Comisión Europea deu o aprobado definitivo á "excepción ibérica" que defendían o Estado español e mais Portugal para pór un tope ao prezo do gas e tentar paliar así o notábel incremento do custo da electricidade.

Cando entrará en vigor?

A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, avanzou que a medida entrará en vigor esta próxima terza feira, día 14, polo que se empezarían a notar os seus efectos na poxa do mercado eléctrico para fixar os prezos da cuarta feira, 15 de xuño.

A medida terá finalmente unha vixencia de menos de doce meses, pois caducará o 31 de maio de 2023.

Cal será o prezo máximo do gas?

Inicialmente o tope ao prezo do gas será de 40 euros por megawatt e hora (euros/MWh); pasados seis meses, no semestre seguinte producirase un aumento mensual de cinco euros.

Alcanzará cumprido un ano os 70 euros/MWh, cando perderá a vixencia a medida. Deste modo, quedará un prezo medio de 48 euros/MWh.

Como repercutirá na factura?

As persoas adscritas á tarifa regulada percibirán cun carácter practicamente inmediato o efecto desta medida, mentres as que están no mercado libre notarano cando asinen novos contratos a un ano vista.

Segundo a ministra Ribera, este tope ao gas provocará que o prezo da electricidade no mercado maiorista non exceda os 130 euros/MWh, polo que a rebaixa na factura sería de "arredor de 30%".

O prezo do 'pool' —prezo base que negocian as compañías produtoras e comercializadoras de enerxía— roldou nas últimas semanas os 200 euros/MWh.

Comentarios