A UE acorda restricións do gas de 15% até primavera con excepcións

As restrición do prezo de gas de 15% chegan ao tempo que o prezo gasístico en Europa alcanza as súas maiores cifras desde marzo.
Jozef Síkela, ministro de Industria checo, presidiu onte o Consello. (Foto: DPA)
photo_camera Jozef Síkela, ministro de Industria checo, presidiu onte o Consello. (Foto: DPA)

Os ministros de Enerxía dos Estados membro da Unión Europea (UE) alcanzaron esta terza feira un acordo político para reducir de forma "voluntaria" en 15% o consumo de gas no mercado comunitario até a próxima primavera.

Porén, a medida contará con excepcións como as interconexións ou a capacidade de exportación, despois da proposta da Comisión Europea da pasada semana para facer fronte a posíbeis cortes de subministración de gas por parte de Rusia.

O pacto, ao que só Hungría se opuxo, determina unha redución da demanda de gas de 15% entre o 1 de agosto do presente exercicio e o 31 de marzo do próximo ano, respecto da media de consumo do últimos cinco anos, aínda que cada Estado membro escollerá que medidas implementará para cumprilo.

O acordo contempla excepcións específicas para algúns Estados membro considerando factores como a interconexión dun Estado respecto doutras redes gasísticas na UE, a sincronización coa rede de distribución eléctrica europea, a súa capacidade de exportación ou os seus niveis de almacenamento.

En base a iso, poderán solicitar unha excepción aqueles Estados da UE que conten cunha baixa interconexión con outros Estados membro e poidan demostrar que a súa capacidade de exportación por interconexión ou a través de terminais de gas natural licuado se pode utilizar para redirixir o consumo de gas a outros Estados membro. 

Neste caso é no que presuntamente se inscribiría o Estado español. Así, a vicepresidenta terceira do Executivo español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, confirmou esta terza feira que o Estado español podería aplicar unha redución de entre 7% e 8% o consumo de gas de forma voluntaria.

Suba do prezo do gas no mercado europeo

Este acordo no seo da UE chega na mesma xornada na que os prezos do gas en Europa superaron os 2.000 dólares por 1.000 metros cúbicos por primeira vez desde o pasado 9 de marzo, subindo 7 % segundo os datos da bolsa londiniense Intercontinental Exchange inc.

Comentarios