O Goberno español aproba o estatuto para industrias electrointensivas

As grandes industrias consumidoras de electricidade, as denominadas electrointensivas, xa contan cun estatuto e a posibilidade de contar con bonificacións no seu gasto enerxético. Aprobouno onte o Consello de Ministras e Ministros e aínda falta a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) para poder ler a letra pequena e contar coa valoración de empresas e sindicatos. 
A ministra e portavoz do Goberno español, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras.(Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa)
photo_camera A ministra e portavoz do Goberno español, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras.(Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa)

A piques de facer dous anos despois de que se iniciasen os traballos para o seu desenvolvemento, o Goberno español vén de aprobar en Consello de Ministras e Ministros o agardado estatuto dos consumidores electrointensivos. A pouca información que se ten do mesmo deuna en rolda de prensa a ministra portavoz, María Jesús Montero mais non valeu como para que parte dos protagonistas que agardaban por el, empresas e sindicatos, puideran facer unha valoración. 

Tres anos de actividade

A nova norma abaratará o prezo da enerxía, beneficiará a máis 612 empresas de máis de 60 actividades industriais como aceiro, cerámica, téxtil, cemento, química e papel, entre outros. 

Para acceder a contar cos beneficios deste estatuto as empresas terán unhas obrigas e compromisos nos ámbitos de eficiencia enerxética, I+D+i e substitución de fontes contaminantes, que deberán cumprirse para optar aos mecanismos para a redución dos custos enerxéticos. Ademais terán que manter a actividade produtiva durante un período de polo menos tres anos, a partir da data de concesión das axudas.

En relación ao consumo de electricidade, para contar como consumidor  electrointensivo, o consumo anual da empresa deberá ser superior a 1 gigavatio hora (GWh) durante dúas dos tres anos anteriores e o consumo nas horas correspondentes ao período tarifario máis barato debe ser do 50% da enerxía total consumida. 

Cobertura de riscos da adquisición

O mecanismo de compensación de certos cargos ás empresas, destinado a reducir os seus custos enerxéticos, poderán ser, neste estatuto, de 85% dos mesmos. Tamén se recolle o mecanismo de cobertura de riscos derivados da adquisición de enerxía eléctrica a medio e longo prazo por estes consumidores.

O Estado español, a través do Fondo Estatal de Reserva para Garantías de Entidades Electrointensivas, asumirá a cobertura dos riscos derivados da adquisición de enerxía eléctrica a medio e longo prazo de consumidores  electrointensivos.

Xunta e Delegación do Goberno

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, criticou que o estatuto chegara "tarde e chega sen consenso". Ben diferente é a opinión do delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, quen nun comunicado afirmaba que a nova "achega seguridade e certeza" á industria galega. 

Empresas e sindicatos 

Desde a patronal do sector, a Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE) rexeitaron facer declaracións "até non ter máis información". Fontes consultadas por Nós Diario aseguraron que agardaron até “última horas” mais na nota que difundiu a Administración español "non explicaba nada". Por este motivo din que enviaran un comunicado "logo que se publique no BOE". 

As organizacións sindicais non quixeron facer valoración aínda que desde CCOO-Industria afirman que "pendentes dunha lectura técnica máis profunda, é un bo estatuto  electrointensivo e un mal estatuto para os híperelectrointensivos". Malia iso, aseguran a Nós Diario que "non é suficiente e débense implementar medidas complementarias para ese sector máis aló do CO2". Insisten en que "hai que chegar ao máximo de compensacións  e tentar para as  electrointensivas un moratoria na peaxe de transporte". 

O presidente do comité de empresa de Alcoa en Cervo, José Antonio Zan, agarda "ver que fortaleza" dan as axudas e lamenta que chegue case dous anos desde o seu inicio.

Comentarios