martes 26.05.2020

O borrador do estatuto das Electrointensivas non contenta os sindicatos

A presentación onte en Madrid do borrador do Decreto do Estatuto do Consumidor Electrointensivo deixou insatisfeitos a sindicatos e Xunta. O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao amosou a súa desconformidade co documento e as propias empresas evitaron opinar até que o Ministerio publique o texto.
Factoría de Alcoa en San Cibrao en Cervo (Europa Press)
Factoría de Alcoa en San Cibrao en Cervo (Europa Press)

A presentación esta pasada segunda feira a sindicatos e organizacións empresariais por parte do Ministerio de Industria do borrador do futuro Real Decreto de Estatuto de Consumidores Electrointensivos (CEI) tivo onte as primeiras reaccións. Ao peche desta edición moitas empresas, caso de Alcoa, aínda non tiveran acceso ao documento e os sindicatos fixeron unha primeira valoración sen contar con toda a documentación. Desde CIG, CCOO e UXT coincidiron en sinalar que a proposta carece de mecanismos para garantir que o sector manteña emprego e produción.

CIG presentará alegacións

"Non se fixo para que exista unha tarifa industrial previsíbel, estábel e competitiva", explica a Nós Diario o secretario xeral de CIG, Paulo Carril. Afirma que o enfoque que lle dá o Goberno español non conta con cuestións "fundamentais" para este sindicato, como ligar as axudas ao mantemento de emprego e produción. "O decreto permite que as empresas reduzan até ter 15% de emprego con respecto ao cadro de persoal actual ou ter 15% de actividade, é dicir que poden reducir en 85% o emprego ou a actividade e cobrar as axudas", explica, "estas condicións non garanten o emprego", engade. 

CCOO quere máis medidas

Desde CCOO aseguran que a documentación entregada son "dúas follas" polo que agardan ter máis información para unha valoración en profundidade. Aínda así apuntan nun comunicado que "intúen" que "se poderían aplicar máis medidas para reducir os custos dos grandes consumidores de enerxía, aínda que o Ministerio insistiu en que é todo o que se puido acordar coa Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e coa Unión Europea". A maior exixencia deste sindicato é que o futuro estatuto garanta o emprego. En opinión de CCOO "o obxectivo é evitar os peches e os expedientes de regulación de emprego polos altos custos da enerxía".

UXT cre que non abonda 

Javier Carreiro, da Federación de Industria, Construción e Agro (FICA) de UXT, argumenta a Nós Diario que "o positivo é o compromiso mais non cumpre as nosas expectativas". Por este motivo tamén presentarán alegacións "por non ser abondo para que se manteñan as empresas no noso país". Carreiro sinala que este sindicato quere "mecanismos de apoio para ser competitivos cos países da nosa contorna como son Francia e Alemaña, cousa que coas medidas deste borrador non se pode". Para UXT é necesario "implementar as compensacións de custos indirectos de CO2 na maior porcentaxe posíbel". 

Para a Xunta é “unha operación estética”

Por outro lado o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, cualificou onte aos medios de comunicación de "operación estética" o estatuto e puxo en dúbida que dea un prezo "competitivo" a este sector. Admitiu que aínda non ten o documento mais "do coñecido" cre que "a única realidade" é que hai unha dotación económica "que é a metade da que había en 2017". Por este motivo argumentou que "é moi difícil que as empresas que máis necesitan deste tipo de axudas como Alcoa San Cibrao poidan ter unha resposta de prezo competitivo". 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube  

comentarios