mércores 26.02.2020

As electrointensivas terán 90 millóns máis en axudas

O borrador do Real Decreto Estatuto do Consumidor Electrointensivo presentouse esta segunda feira.  Após un período de consulta podería ver a luz no mes de marzo.
Protesta de Alcoa en Lugo (Europa Press)
Protesta de Alcoa en Lugo (Europa Press)

O Real Decreto Estatuto do Consumidor Electrointensivo, cuxo borrador iniciará esta terza feira o seu período de consulta co obxectivo de que vexa a luz no mes de marzo, despois de case un ano de espera polo sector, garantirá á gran industria unha nova partida de 90 millóns de euros para compensar os cargos na súa factura eléctrica destinados a financiar as renovábeis e a coxeneración de alta eficiencia.

Así mesmo, incorpora a creación dun mecanismo de cobertura para o impulso dos contratos de compravenda de enerxía a longo prazo co obxectivo de abaratar os custos enerxéticos dos grandes consumidores. Esta partida de 90 millóns de euros complementará a compensación polas emisións de CO2, que ascende actualmente a uns 172 millóns de euros en 2019 tras ampliarse no último exercicio, e que se manterá dentro das medidas do novo estatuto.

En concreto, esta nova compensación para consumidores electrointensivos será por 85% do sobrecusto pola retribución ás renovábeis (primas), que correrá con cargo aos orzamentos do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. O borrador, que estabelece as bases para a súa concesión, fixa un mecanismo transitorio para calcular o importe de cargos que está a pagar de forma efectiva cada consumidor e así poder compensarllos, en tanto se fixan os cargos da factura eléctrica.

Condicionado polos orzamentos 

Nun encontro coa prensa, fontes do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico indicaron que a dotación total que se garante á grande industria está condicionada á aprobación duns novos orzamentos Xerais do Estado, mais que será "superior" á que había até agora. Os orzamentos actuais recoñecen esa partida de 172 millóns de euros en compensación polas emisións de CO2, unha cifra que mesmo podería ser superior tamén só neste apartado debido ao incremento a futuro no prezo do CO2. Iso si, as fontes gobernamentais advertiron de que esta proposta de estatuto, que así superaría as posíbeis trabas por parte de Bruxelas, é "a mellor" e "única posíbel". "Levamos máis de ano e medio traballando, e após unha longa negociación, especialmente a nivel comunitario, o resultado final é o único posíbel polo que nos permitiu levar ao máximo o marco comunitario", sinalaron.

Fin da interrompibilidade

Co que si que se porá practicamente fin será co sistema de interrompibilidade, polo menos tal e como estaba concibido no pasado, como un mecanismo ao que acudían os grandes consumidores como compensación.

Fontes do Executivo precisaron que agora haberá que ver cal é o seu deseño a curto prazo e como se fan "máis áxiles", pero xa non serán compensacións para os electrointensivos, senón un mecanismo de xestión da demanda, sendo así "acorde co que estabelece a Comisión Europea". "Dependerá da cantidade que se poxe e do proceso competitivo", engadiron. Este Real Decreto, que abre agora o seu período de consultas públicas, posteriormente pasará polo Consello de Estado en trámite de urxencia.

comentarios