O azucre, os lácteos e a fariña lideran a suba de prezos no cesto da compra

O Consello de Ministros aprobará esta terza feira, previsibelmente, o terceiro paquete de axudas para paliar as consecuencias económicas e sociais da crise de prezos. As novas medidas coas que o Goberno do Estado pretende facer fronte á escalada dos prezos dos alimentos entrarían en vigor o 1 de xaneiro.
A poboación galega gasta hoxe en día 6,4% máis no cesto da compra do que gastaba a comezos do ano 2022. (Foto: Andrey Bandurenko)
photo_camera A poboación galega gasta hoxe en día 6,4% máis no cesto da compra do que gastaba a comezos do ano 2022. (Foto: Nós Diario)

O Consello de Ministros aprobará esta terza feira, previsibelmente, o terceiro paquete de axudas para paliar as consecuencias económicas e sociais da crise de prezos. As novas medidas coas que o Goberno do Estado pretende facer fronte á escalada dos prezos dos alimentos entrarían en vigor o 1 de xaneiro.

Unha das novas iniciativas que ten máis opcións de ser aprobada esta terza feira é a redución do Imposto do Valor Engadido (IVE) a determinados produtos do cesto da compra, co obxectivo de "amortecer o impacto da suba da inflación". Nunha época como o Nadal o prezo do cesto da compra pesa máis nos petos de galegas e galegos e o aumento xeneralizado do Índice de Prezos de Consumo (IPC) faise máis evidente. Á espera da publicación da cifra correspondente ao mes de decembro, e segundo os datos publicados en novembro, o IPC situaríase en 6,4 na Galiza, fronte a 5,5 no Estado Español. Un incremento que as medidas aprobadas ao longo do ano polo Goberno de Pedro Sánchez non foron quen de atallar.

Lidera esta suba dos prezos do cesto da compra o azucre. En xaneiro deste mesmo ano podíase atopar o quilo de azucre 48,7% máis barato que agora. Isto é, dos 0,90 euros que se pagaba un paquete de azucre a comezos de ano, pasouse a pagar 1,35 euros a finais de decembro. 

Os produtos lácteos toman o segundo posto na subida dos prezos. No que vai de ano, a manteiga subiu 36,4%: o que valía 1,81 euros en xaneiro de 2022, vale 2,48 euros en decembro deste mesmo ano. O mesmo ocorre co leite de vaca, que sufriu unha suba de 29,6%, pasando de valer 0,70 euros o litro de leite galego a 1,08 euros, e cos iogures, que pasaron de 1,10 euros a 1,33 euros, o que representa unha suba de 21,2%. 

A fariña e outros cereais ocupan o terceiro posto no podio do incremento do prezo do cesto da compra: se en xaneiro un quilo de fariña valía un euro, a finais de 2022 o prezo chega a 1,40 euros, unha suba de 34,7%. 

Produtos asiduos da compra de galegas e galegos como son os ovos, o aceite de oliva e a pasta tamén sufriron unha suba considerábel dos seus prezos de venta ao consumidor durante este ano. A ducia de ovos campeiros vale en decembro 3,74 euros cando valía 2,90 euros a comezos de ano, unha suba de 26,1% no que vai de 2022. No caso do aceite de oliva, o incremento foi de 24,8%, pasando de custar 4,20 euros de media a 5,25 euros. Para as pastas a suba foi de 15,6% de media: un quilo de macarróns vale 1,54 euros, valendo 1,30 euros no mes de xaneiro deste ano. 

Prórroga de medidas actualmente en vigor

Aínda que o Executivo estatal non plasmou case ningunha medida de prórroga nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2023 para responder ás consecuencias da crise de prezos, fontes do Ministerio de Facenda asumen que se terán que prorrogar "bastantes medidas actualmente en vigor". 

Entre estas, xa se confirmou que se prorrogará o límite de 2% para a actualización das rendas de aluguer e a suba de 15% das pensións non contributivas, iniciativas que se sumarían ás destinadas a conter a suba dos prezos na factura da luz.

As bonificacións aos combustíbeis, aínda no ar

Aínda que o Executivo de Pedro Sánchez non aclarou totalmente que sucederá con este desconto, a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, abriu a porta a "centrar" as bonificacións en vigor ao prezo dos carburantes para toda a poboación "nos sectores que se ven máis afectados", entre os que mencionou o transporte, a agricultura, a gandaría e a pesca.

O Ministerio que lidera Calviño valora eliminar a medida "para todos" e mantela só naqueles sectores para os que considera que é necesaria. O Ministerio recoñeceu que se trata dunha medida "controvertida "polo seu impacto fiscal, por beneficiar a quen ten coche e porque non incentiva o aforro no consumo dos carburantes.

Comentarios