Glovo cualifica de "coincidencia" o anuncio antes da citación xudicial
O conselleiro delegado da tecnolóxica Glovo, Óscar Pierre, alegou onte ante a xuíza que o novo modelo de empresa anunciado antonte para regularizar o persoal que realiza as entregas a domicilio da empresa "pode parecer unha estratexia de defensa, mais é unha coincidencia".
Así o afirmou durante a súa declaración como investigado perante o xulgado de Instrución 31 de Barcelona, no proceso penal iniciado pola Fiscalía por un presunto delito contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras, incluíndo posíbeis fraudes na contratación baseándose en actuacións da Inspección de Traballo e Seguridade Social, segundo afirmaron fontes presentes na sala.
Pierre respondeu onte ás preguntas do seu avogado e da Fiscalía, á vez que rexeitou contestar os avogados do sindicato CXT, que participa na causa como acusación particular. Na denuncia, o Ministerio público acusou a compañía de menoscabar e suprimir os dereitos dos traballadores e das traballadoras pola condición de falsos autónomos e pediu citar Pierre para tomarlle declaración como investigado, sendo a primeira vez que este declara no Estado.
As mesmas fontes detallaron que Pierre "en todo momento defendeu que o seu modelo é lícito, mais que desde a empresa non queren estar a discutir coa Administración", motivo polo que farán contratos laborais ás e aos 'riders' desta compañía.
A declaración do conselleiro delegado da empresa de reparto a domicilio vén precedida das realizadas previamente por 20 riders ante a Xustiza durante os meses de setembro e outubro.
Cotizacións
Os 'riders' de Glovo poderán reclamar ao Estado español as cotizacións pagadas como "falsos autónomos", segundo manifestou a avogada laboralista Eva Mirón, quen tamén considerou que o cambio do modelo laboral da compañía supón un "punto de inflexión". Desta maneira o afirmou a experta xurista durante unha entrevista que lle realizaron onte nun programa da televisión pública estatal.

