As gandeiras prepáranse para levar as industrias lácteas ante os tribunais

O Sindicato Labrego Galego organiza unhas xuntanzas para informas as gandeiras de como reclamar os cartos perdidos polo pacto de prezos entre as industrias lácteas.
Cadea de envasado do leite

As gandeiras galegas non están dispostas a dar por perdidos os cartos polo pacto de prezos entre as industrias lácteas sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) con 80,6 millóns de euros por esta práctica anticompetitiva.

Para analizar a posibilidade de recorrer á vía xudicial para reclamar o diñeiro perdido, o Sindicato Labrego Galego organiza dous novos encontros centrados na demanda xudicial contra o cartel do leite, que se celebrarán en Compostela e Lugo os días 20 e 21 de febreiro, respectivamente. Estas xuntanzas dan continuidade ao proceso de asembleas comarcais que o SLG levou a cabo, entre novembro e decembro do ano pasado, para informar ao sector lácteo da posibilidade de levar ante a Xustiza as firmas Capsa Foods (Central Lechera Asturiana, Larsa), Danone, Lactalis, Industrias Lácteas de Granada, Pascual, Nestlé, Schreiber Food, Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, Gremio de Industrias Lácteas de Cataluña e Central Lechera de Galicia.

Apoio legal

O SLG contará para estas xuntanzas informativas cos avogados do bufete barcelonés Redi, especializado en litixios de alta complexidade contra carteis e na reclamación de danos derivados de infraccións do dereito da competencia.

A idea do bufete é agrupar o maior número de demandas para facer máis forza. Todas as granxas afectadas, mesmo as que cesaron a súa actividade, poden iniciar unha demanda xudicial. As avogadas de Redi estiman que poderían levar, finalmente, a demanda xudicial dunhas 2.000 granxas no Estado español, sen contar as que se podan unir na Galiza. O prazo para reclamar é de un ano dende a data de publicación da sanción (11 de xullo de 2019).

Comentarios