A Galiza é o segundo territorio con máis megawatts de eólica tramitados

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) dá luz verde a 656 megawatts, unha cuarta parte dos 2.897 megawatts aprobados en total polo Goberno español.
Adega e BNG advirten da "vulneración" de normas comunitarias na tramitación de proxectos eólicos. (Foto: Y. C.)
photo_camera O proxecto eólico denegado foi o denominado Caaveiro. (Foto: Y. C.)

A Galiza foi o segundo territorio con máis megawatts de eólica tramitados polo Goberno español, segundo informou onte o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), entre os proxectos cuxa data para obter a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) caducaba o pasado 25 de xaneiro. 

En concreto, o Goberno español avaliou máis dun milleiro de megawatts na Galiza, dos que se aprobaron 656 -unha cuarta parte dos 2.897 megawatts con luz verde no Estado-, correspondentes a sete parques eólicos, cinco deles para Alcoa e outros dous para Showa Denko.

Un proxecto de 78 megawatts foi rexeitado, mentres que catro proxectos que sumaban 279 megawatts foron arquivados. Só a comunidade de Castela e León tivo máis megawatts avaliados neste trámite, con 1.604. 

Parque para Alcoa, arquivados e denegados 

Os parques eólicos aprobados para fornecer enerxía a longo prazo á planta de San Cibrao, no municipio de Cervo, son os de Barqueiro, Badulaque, Santuario, Tesouro e Moeche. Mentres, os parques chamados Orzar e Tornado serán para Showa Denko.

O proxecto denegado foi o de Caaveiro. Proxectábase entre Fene, Neda, Cabanas, San Sadurniño, A Capela e As Pontes. Ademais, catro foron arquivados. Dous deles promovidos por Green Capital: Fonte Barreiros -en Ribadeo, Barreiros, Foz, Cervo e Xove-; así como Rula, de 55 megawatts -en Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas-.

O terceiro arquivado foi de Greenalia, que agrupaba os de Tramontana e Siroco. Finalmente, o cuarto arquivado, tamén de Greenalia, chamado Furacán, proxectábase entre Brión, Noia, Lousame e Rois.

Comentarios