O alugueiro na Galiza: soben os prezos, cae a oferta e faltan máis de 180.000 vivendas para igualarse a Europa

Galiza é un dos territorios do Estado que máis precisa incrementar a súa oferta de vivendas en réxime de alugueiro, segundo un estudo.
Panorámica da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)
photo_camera Panorámica da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)

Alugar unha vivenda resulta na Galiza cada vez máis difícil e máis caro, pois a oferta redúcese de forma paralela a un progresivo aumento dos prezos no último lustro que semella non chegar aínda ao seu tope. Segundo os últimos datos do portal inmobiliario Fotocasa, o prezo medio do metro cadrado nun piso en réxime de alugueiro é xa de 8,08 euros. É dicir, que un domicilio de 50 m2 custa, de media, 404 euros ao mes na Galiza; un de 80 m2, 646.

Compartir estancia con outras persoas tampouco parece a solución, pois o estudo Vivendas compartidas en España en 2022, presentado polo mesmo portal a pasada semana, sinala que o custo de alugar unha habitación no país ascende xa a 283 euros mensuais. A isto engádese a escasa oferta que hai actualmente no mercado: unhas 2.900 vivendas dispoñíbeis para o alugueiro, segundo datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein).

E as previsións de cara ao futuro non son precisamente optimistas a este respecto: o mercado da vivenda en arrendamento "seguirá á alza e con menos oferta no primeiro semestre do próximo ano", estimaban recentemente desde a Fegein. As grandes cidades da Galiza, así, "non sufrirán unha caída de prezos da vivenda a pesar dunha posíbel recesión económica".

A esa falta de oferta para alugar —en comparanza con outros países da nosa contorna— e a parella suba dos prezos ponlle unha cifra concreta o último informe realizado por Atlas Real Estate Analytics, exposto esta cuarta feira. O estudo calcula que o noso país ten unha carencia de até 180.566 vivendas deste tipo, que son as que deberían sumarse ao mercado do alugueiro para igualarse a Europa nesta materia.

No conxunto do Estado español requírese a construción ou a posta en réxime de alugueiro dunhas 1,83 millóns de vivendas adicionais ás xa dispoñíbeis, principalmente en territorios como Andalucía (447.139), País Valencià (252.683) ou a propia Galiza, mentres que outros como Madrid (97.745) ou Catalunya (94.952) atópanse en posicións intermedias.

O mercado build to rent (BtR) —casas que se constrúen especificamente para alugar—, pretende dar resposta a esas necesidades, se ben os proxectos actualmente en marcha só alcanzan as 97.787 vivendas en todo o Estado, é dicir, pouco máis das que precisaría só a Galiza.

Este informe conclúe que o impulso á vivenda en alugueiro, especialmente ao segmento alcanzábel, é necesario en todo o Estado español, onde só 8,5% dos fogares habita en vivenda alugada por baixo do prezo de mercado, unha cifra inferior á media da Unión Europea (9,8%). Ao mesmo tempo, a escasa oferta actual no mercado conta cun prezo mediano de 1.190 euros ao mes.

Comentarios