A emancipación, cada vez máis complexa: unha habitación nun piso compartido custa xa 283 euros mensuais na Galiza

Actualmente hai menos de 3.000 vivendas dispoñíbeis para alugar en todo o país, segundo datos de Fegein.
#piso #fogar #vivenda #aluguer #alugueiro #televisión #tv #serie (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prezo de compartir piso incrementouse en 41% desde 2017. (Foto: Nós Diario)

Compartir unha vivenda na Galiza custa xa, de media, 283 euros ao mes. Así o certifica o estudo Vivendas compartidas en España en 2022, presentado esta segunda feira por Fotocasa e que constata que o pasado ano medrou 15% ese custo en comparanza con 2021, e até 41% tomando como referencia a situación de cinco anos atrás (2017).

"Estamos fronte ao maior encarecemento do prezo das habitacións nos pisos compartidos desde que en Fotocasa temos rexistros", advirte o portal inmobiliario, que conclúe que en 2022 o prezo do alugueiro alcanzou máximos históricos "por atoparse nunha situación moi crítica de escaseza de oferta", o que implica "que a dificultade de acceso á vivenda medre aínda máis".

Sobre a falta de pisos dispoñíbeis para alugar pronunciouse a pasada semana a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), que presentou un informe no que indica que no conxunto do país hai só 2.950 actualmente no mercado, por volta de até 17.000 pisos que se destinan a un uso vacacional. Da mesma forma, os datos achegados por Fotocasa apuntan que nos últimos anos compartir piso na Galiza pasou de valer 202 euros por habitación en 2015 aos 283 euros que custa na actualidade.

"A maioría dos cidadáns que comparten piso son mozos de entre 18 e 35 anos que buscan emanciparse. Pero, a medida que cumpren anos, o desexo de compartir para socializar torna nunha obriga para repartir gastos, xa que o incremento do prezo do alugueiro non lles permite independizarse. O encarecemento do arrendamento ocasiona que o esforzo salarial ao que teñen que facer fronte sexa maior a 50% nalgúns casos como nas capitais de provincia máis tensionadas", conclúe a entidade.

Así, "a imposición de ter que compartir vivenda causa estragos no desenvolvemento dos núcleos familiares, ao privar de intimidade ás persoas, polo que esta conxuntura podería mesmo influír nas taxas de natalidade", explica María Mato, directora de Estudos e portavoz de Fotocasa.

O custo no Estado

En todas as comunidades autónomas analizadas subiu o prezo das vivendas compartidas por riba de 10% nos últimos sete anos. Compartir unha vivenda en Catalunya é hoxe 73,8% máis caro; en Madrid, 68,7%, e no País Valencià, 57,8%, todos estes incrementos superiores a 50%. Séguenos moi de perto Aragón, con 49,9%; Andalucía, con 41,0%; a Galiza, con 40,2%; Euskadi, con 37,7%; Castela e León, con 29,8%; Canarias, con 24,8%; Asturias, con 22,7%; Castela-A Mancha, con 20,7%, e Murcia, con 20,2% —non se ofrecen datos dos territorios do Estado español restantes—.

En canto aos prezos, as tres comunidades cun prezo por riba dos 400 euros ao mes son Catalunya, con 545 euros/mes; Madrid, con 503 euros/mes; Euskadi, con 420 euros/mes; Aragón, con 358 euros/mes; País Valencià, con 353 euros/mes; Canarias, con 345 euros/mes; Andalucía, con 327 euros/mes; a Galiza, con 283 euros/mes; Asturias, con 282 euros/mes; Castela e León, con 274 euros/mes; Murcia, con 264 euros/mes, e Castela-A Mancha, con 245 euros/mes.

Comentarios