As vivendas vacacionais superan as 17.000 mentres as dispoñíbeis para alugar caen por baixo das 3.000

Un informe de Fegein sinala que tres de cada dez vivendas ofertadas en réxime de alugueiro levan máis dun ano sen alugar pola mala conservación ou por ter un prezo superior a 1.000 euros mensuais.
Hai menos de 3.000 vivendas en aluguer na actualidade, segundo Fegein. (Foto: Inmovart)
photo_camera Hai menos de 3.000 vivendas en aluguer na actualidade, segundo Fegein. (Foto: Inmovart)

O número de vivendas dispoñíbeis para alugueiro na Galiza baixa por vez primeira das 3.000, mentres que as destinadas ás vacacións superan as 17.000, segundo un informe difundido esta segunda feira pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein). O documento cifra, concretamente, en 2.950 as vivendas para alugar. Por provincias, hai 1.300 domicilios na Coruña, 1.205 en Pontevedra, 325 en Ourense e 300 en Lugo.

Deste modo, a entidade apunta que no último semestre caeu até 18% a oferta de vivendas en alugueiro no conxunto do país. No que atinxe ao número de persoas que viven actualmente nunha propiedade alugada, a análise apunta a 30.675 fogares na cidade de Vigo, 27.881 na Coruña e 9.944 en Ourense. A cifra é semellante en Santiago con 9.183 alugueres, mentres que en Lugo fica en 8.181.

Así mesmo, o estudo apunta que hai máis de 17.000 vivendas vacacionais rexistradas e sitúa Vigo como a primeira cidade galega, con máis de 1.000 domicilios destas características.

O mesmo informe indica que 28 % das vivendas que están no circuíto de comercialización en alugueiro levan máis dun ano sen arrendar, xa que o seu estado de conservación interior non é óptimo ou supera o limiar dos 1.000 euros mensuais.

Noutra orde de asuntos, a rendibilidade da vivenda na Galiza fechou 2022 cun dato de 5,7%, segundo o estudo A rendibilidade da vivenda en España en 2022, elaborado polo portal inmobiliario Fotocasa. Así, a rendibilidade aumentou 1,4 puntos a respecto de hai 5 anos, cando se mantiña en 4,3%, e 1,8 puntos máis que unha década atrás.

Neste senso, Sanxenxo ten unha rendibilidade de 7,4%, o que a converte na cidade máis rendíbel en 2022. Séguena de perto Ferrol, con 6,9%; Narón, con 6,8%; Arteixo, con 5,5%; Lugo, con 5,3%; Ourense, con 5%, e Pontevedra, con 5%.

De cara ao próximo exercicio, as inmobiliarias auguran que os prezos de venda "estabilizaranse no primeiro cuadrimestre de 2023" e prevén que o mercado da vivenda en arrendamento "seguirá á alza e con menos oferta no primeiro semestre do próximo ano". As grandes cidades da Galiza "non sufrirán unha caída de prezos da vivenda a pesar dunha posíbel recesión económica", de acordo co seu prognóstico.

Comentarios