O prezo do aluguer na Galiza marca o seu prezo histórico máximo

Vigo lidera a porcentaxe de solo reservado para vivenda protexida.
O metro cadrado en aluguer acadou en xaneiro 8,08 euros na Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera O metro cadrado en aluguer acadou en xaneiro 8,08 euros na Galiza (Foto: Nós Diario).

O prezo da vivenda en aluguer subiu 1,6% en xaneiro en relación ao mes anterior e 8,7% en taxa interanual, a súa maior repunta desde outubro de 2020, segundo os datos do Índice Inmobiliario Fotocasa publicado no día de onte. 

Ademais, segundo o mesmo portal inmobiliario, sete comunidades marcaron en xaneiro máximos na serie histórica, entre elas a Galiza, cun prezo de 8,08 euros por metro cadrado. Así, son xa 15 as comunidades que acadaron máximos no histórico de prezos dos alugueres nos últimos sete meses. 

O prezo do aluguer no Estado comezou o exercicio en 11,21 euros por metro cadrado, con sete comunidades acadando prezos máximos. En xaneiro, o prezo do aluguer de vivenda rexistrou subas internanuais en 16 comunidades, e só baixou Castela-A Mancha, que acusou un desceso de 0,2 puntos.

Os maiores incrementos interanuais déronse nas Illes Balears (+21%), Illas Canarias (+19,9%) e País Valencià (+16,5%). A Galiza situaríase na metade da táboa, cun incremento de 8,2% e por diante de Catalunya e Asturias (+7,2% en ambos os casos). Fecharía a listaxe A Rioxa, cun incremento de 4,7%.

Vivenda protexida

O DOG publicou onte a resolución pola que se publican as porcentaxes de reserva de solo para vivenda protexida correspondentes ao ano 2023.

Na listaxe relativa á reserva do solo para vivendas protexidas por concellos de máis de 5.000 habitantes destacan datos como os de Vigo (21,48%), Mos (15,07%), Lugo (13,4%) e Pontevedra (12,18%). Estas cifras correspóndense con número tamén máis elevados en canto a inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da comunidade. 

Comentarios