Galiza fechou 2023 cun déficit de 100 millóns de euros

Só Asturias, Balears, Canarias, Cantabria e Nafarroa remataron o ano con superávit.
O presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da semana pasada. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente galego, Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

País Valencià, Murcia e Catalunya foron as tres comunidades autónomas que rexistraron un maior déficit ao feche do pasado ano 2023, con porcentaxes negativas de 2,45%, 2,32% e 1,31%, respectivamente. Galiza tamén anotou un dato negativo, un -0,13% que se traduce en 100 millóns de euros. Pola contra, as únicas comunidades que tiveron superávit o ano pasado foron Asturias, Balears, Canarias, Cantabria e Nafarroa.

Así se desprende do avance de datos de execución orzamentaria das administracións públicas correspondentes a 2023 que deu a coñecer o Ministerio de Facenda esta semana, no que a ministra do ramo, María Jesús Montero, destacou que as comunidades autónomas sobrepasaron en tres décimas a taxa de referencia comprometida con Bruxelas que se fixou no plan orzamentario (0,6%), desviándose até 0,9%, uns 13.254 millóns.

En calquera caso, o País Valencià foi a rexión cun maior déficit en 2023, de até 2,45% do PIB, o que se traduce en 3.358 millóns de euros de débeda. Séguea de perto Murcia, cun saldo negativo de 2,32% do PIB, uns 901 millóns de euros. E Catalunya fechou o ano 2023 sendo a terceira comunidade cun maior déficit, xa que acumulou unha porcentaxe negativa de 1,31% do PIB, o que supón uns 3.616 millóns de déficit. Andalucía foi a cuarta rexión, cun déficit de 1,13% do PIB, uns 2.210 millóns de euros.

Segundo estes mesmos datos, a quinta comunidade cun maior déficit ao peche de 2023 foi Castela-A Mancha, cunha porcentaxe negativa de 1,12% do PIB, uns 566 millóns de euros. Séguena Estremadura (-1,04% e -254 millóns), Aragón (-0,82% e -370 millóns), Madrid (-0,74% e -2.108 millóns), Castela e León (-0,69% e -479 millóns), A Rioxa (-0,48% e -50 millóns), Galiza (-0,13% e -100 millóns) e Euskadi (-0,08% e -73 millóns de euros).

No lado oposto, unicamente cinco comunidades autónomas rexistraron superávit ao feche do ano 2023: Asturias, Balears, Canarias, Cantabria e Nafarroa. Esta última foi a que rexistrou un maior superávit, xa que acumulou un saldo positivo de 1,43% do PIB, uns 350 millóns de euros, seguida de Balears (0,46% e 178 millóns), Canarias (0,41% e 216 millóns), Asturias (0,27% e 76 millóns) e Cantabria (0,07% e 11 millóns).

En calquera caso, as cifras de 2023 melloraron as do ano anterior, xa que en 2022 só dúas comunidades autónomas rexistraran superávit —Balears e Nafarroa—, e a media das comunidades foi un déficit de -1,12%, mentres que o de 2023 foi de -0,91%.

Comentarios