martes 25.02.2020

As galegas cobrarán polo excedente das instalacións de autoconsumo

As galegas con instalacións de xeración eléctrica para autoconsumo poderán compensar nos vindeiros meses nos seus recibos da luz o excedente de enerxía que verten á rede.
Instalación placas solares (Europa Press /arquivo).
Instalación placas solares (Europa Press /arquivo).

En cuestión de semanas, as galegas que teñan nas súas casas instalacións de xeración de enerxía para autoconsumo poderán sacar rendemento dos excedentes da súa produción. As compañías eléctricas deberán compensalas pola enerxía que lles sobre e que vertan á rede. De momento, a Xunta vai con atraso. Está previsto que a partir de marzo, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comece a notificar ás eléctricas os boletíns de autoconsumo. Despois, terán que ser as clientas as que se poñan en contacto coas distribuidoras de enerxía para modificar o formato da factura e programar os seus contadores para que lean a enerxía que exportan.

Desde o Clúster do Autoconsumo da Galiza (Agaen), non son moi optimistas coa rapidez na posta en marcha desta medida, contemplada no Real Decreto 244/2019 do pasado mes de abril que xa debería estar implantado en agosto do pasado ano e que a Galiza chegará a partir de febreiro. 

En declaracións a Nós Diario, o portavoz e vicepresidente do Clúster do Autoconsumo da Galiza (Agaen), Óscar Nogueira, di que o de pagar polos excedentes “non vai ser antes do verán” e recoñece que esta medida dista moito do coñecido como balanzo neto, un mecanismo no que cliente e eléctricas pagan en función do saldo da enerxía producida e consumida, que nalgúns casos pode ser favorábel para as consumidoras. “Co novo regulamento non van existir as facturas negativas”, sinala, “pero afeitos a regalar enerxía, calquera esmola é ben recibida”. 

Esta medida será posíbel grazas ao cambio na política enerxética do Goberno español, que o pasado ano eliminaba o chamado imposto ao sol e dáballe un novo pulo ao autoconsumo e á produción de enerxía a partir de fontes renovábeis. Os diferentes territorios tiñan catro meses para implantar o regulamento, pero a día de hoxe na Galiza non está completamente desenvolvido. "O autoconsumo nunca foi prioridade para a Xunta e pode quedar moi mal se é a última en aplicar o decreto, sobre todo cunhas eleccións á volta da esquina", apunta Nogueira. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

comentarios