A Fruga reclama liñas de axuda ao agro polas perdas derivadas da borrasca Kirk
O agro galego sufriu a principios do mes de outubro os efectos dunha climatoloxía adversa, concretamente os restos do furacán Kirk transformado en borrasca, que provocou importantes perdas nos cultivos forraxeiros, como o millo destinado a ensilar, ou na pataca e a castaña.
Por este motivo, a Federación Rural Galega (Fruga) requiriu información á Consellaría do Medio Rural sobre as liñas de axudas que, en opinión do sindicato, se deberían abrir para sufragar as perdas sufridas polas explotacións galegas. Con todo, segundo sinalou esta cuarta feira a organización, non recibiron resposta.
"Observamos unha vez mais como desde a Xunta da Galiza, non se está a facer nada co fin de axudar o sector agrogandeiro galego ante unha situación de catástrofe climatolóxica", denunciaron desde a Fruga.
"Igualmente, tamén observamos unha desidia total por parte desta Consellaría, cando realmente tiña a posibilidade de adiantar 70% de axudas da PAC e soamente vai adiantar 26%", salientou o sindicato agrario.
"A propaganda constante da Consellaría non tapa para nada a súa total neglixencia co agro galego", engadiu. "Pensamos que vai sendo hora de aplicar todas as medidas a súa disposición para favorecer os labregos e as labregas deste país", concluíu.
O SLG salienta a perda de 80% da produción de faba
O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitou esta cuarta feira unha reunión coa Consellaría do Medio Rural para demandar un "plan de apoio" ás persoas produtoras de fabas despois da perda de "máis de 80%" da colleita. O sindicato detallou que este problema derivou, sobre todo, das "enfermidades" do cultivo polas constantes choivas na Mariña.
