A fortuna dos 8 galegos da lista 'Forbes' multiplica por 9 os orzamentos de Galiza para 2016

Entre os 100 máis ricos do Estado hai 8 galegos, 2 máis que no ano anterior. Suman 75.000 millóns de euros. No segundo trimestre de 2015, os salarios galegos caeron un 2,2% .

Oito son os galegos que figuran na lista que elabora a revista 'Forbes' sobre as 100 principais fortunas do Estado español. Dous máis que na lista do ano anterior. Oito fortunas que suman entre ellas case 75.000 millóns de euros. Nove veces o que son os orzamentos da Xunta de Galiza para 2016. Os 100 máis ricos representan 189.250 millóns de euros, un 15% máis que no exercicio anterior.

Manuel Edelmiro Añón e a Familia Domínguez, con 450 e 425 millóns de euros respectivamente, son os novos galegos en entrar na coñecida clasificación da revista 'Forbes'. Nos postos 93 e 97. Unha lista a de 'Forbes' que ten no seu cumio outro rico galego: Amancio Ortega. A súa filla Sandra é a cuarta fortuna do Estado español, Manuel Jove, a 17ª. Os irmáns Freire (propietarios de Azkar até a súa venda) están no posto 51 e Isabel Castelo (seguros Ocaso), no 52. Fernández Somoza, propietario de Megasa, está no lugar 62 con máis de 650 millóns de euros de fortuna.

E mentres, os salarios...

O salario medio galego caeu no que vai deste ano un 2,2%. Baixada que contrasta co aumento do 0,6% que no mesmo período experimentou o soldo medio español. Como sinalan os dados feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística, o salario medio en Galiza era de 1.635 euros, mentres que no Estado español estaba en 1.941, o que supón 300 euros mensuais máis. Nunha nómina de 12 pagas anuais iso supón unha fenda de máis de 3.600 euros de diferencia. Ademais, Galiza ten a segunda xornada laboral máis elevada do Estado en canto a horas efectivas e a terceira se nos atinximos a horas pactadas.

Comentarios