A folga da limpeza da Coruña: preto de ser un problema de orde pública pola implicación de máis de 10.000 operarias

A representación sindical do sector nos edificios e locais denuncia que o estabelecemento dos servizos mínimos é "abusivo", especialmente nas instalacións que dependen do Sergas. Alerta de que non pensan ceder nas súas exixencias até ter unha proposta da patronal "digna".
O representante da CIG compareceu ante os medios. (Foto: CIG)
photo_camera O representante da CIG compareceu ante os medios. (Foto: CIG)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) vén de publicar hoxe os servizos mínimos para a folga do sector da limpeza en edificios e locais da Coruña e a representación sindical das e dos traballadores consideran que o que se estabeleceu é un réxime “abusivo mesmo reforzando labores a realizar”.

Os representantes da CIG, UXT e Comisións Obreiras veñen de advertir de que a folga vai ser un problema de orde pública -máis grande do que xa suporía o paro para a clientela- se non hai garantías de que o persoal poida secundala, sobre todo en infraestruturas do Sergas. Esta mesma terza feira Paulo Rubido (CIG), Alejandra Gesto (CCOO) e Juan Carreira (UXT), que integran o comité da folga, denunciaron publicamente a actitude da patronal á hora de fixar, coa Administración, os horarios de traballo “absolutamente impresentábeis” e incompatíbeis coa posibilidade de exercer un dereito.

Por iso, anunciaron que se presentará un recurso “contra os servizos mínimos abusivos decretados pola administración e advertir que, de non se garantir o dereito constitucional á folga das traballadoras e traballadores, converterán o conflito nun problema de orde pública”.

Na súa comparecencia, as e os representantes laborais tamén fixeron fincapé nas duras condicións de traballo na limpeza, un ámbito de traballo moi feminizado (preto dun 95% dos traballadores son mulleres) e con xornadas a tempo parcial e salarios que están “anualmente entre 8.000 e 10.000 euros”.

Un sector á alza

Aliás destacar que os homes teñen mellores condicións non quedando a tan pouco de superar o Salario Mínimo Interprofesional, destacaron que a patronal non pode tratar así ao seu persoal tendo en conta que non sufriu a crise da Covid-19.

Segundo Rubido, sucedeu case o contrario pois incrementouse a contratación porque as desinfeccións son máis continuas e requírense en máis espazos para evitar a propagación da pandemia. Por iso, os tres sindicados cualifican de “precariedade absolutamente infame” a situación.

Para percibir “un salario minimamente digno teñen que comezar a súa xornada laboral as 06 e a rematan ás 20 ou 22 horas porque pasan o día traballando para bastantes empresas, tendo que realizar desprazamentos dunha empresa a outra sen que ese tempo teña a consideración de retribuído”.

Con esta situación de partida, o comité de folga -os paros están convocados para esta quinta feira 22 de abril, e para os días 11 e 12 de maio- considera que o conxunto das empresas está actuando dunha forma “usureira” e “avara”. “No caso de non ser atendidas as nosas reivindicacións, máis xornadas de folga haberá”, advirten, pois os dous últimos días xa son unha nova incorporación.

As centrais sindicais subliñan: “Só pararemos nas nosas reivindicacións, nas nosas convocatorias de folga, e por moitos obstáculos que nos poña a propia administración galega, cando a patronal da limpeza da Coruña ceda e estableza propostas de negociación que sexan minimamente dignas nos tempos que corren”.

Comentarios